A non estación


Que Compostela non conta coa estación que necesita para a chegada do AVE é máis que evidente. De feito, xa, agora mesmo, a reformada terminal non cumpre os requirimentos mínimos dunha estación moderna e cos servizos adecuados para atender a 2,7 millóns de pasaxeiros, que son os que tivo o ano pasado, a de maior demanda de Galicia, e subindo. Vostede, sufrido lector, terá podido comprobalo de primeira man en calquera momento con certo movemento na estación, e non digamos xa en día e hora punta como poida ser un domingo ás oito ou nove da tarde. Deixemos á parte o que é a infraestrutura ferroviaria e demos por bo que estará ben deseñada, instalada e equipada cumprindo todos os requisitos de seguridade, porque tanta dor do pasado haberá ter que servir para algo. O AVE chegará en tempo e forma, pero, vías e trens á parte, e en espera da pasarela de Herreros , esta non é a estación que merece Compostela. E non digamos xa a necesidade dun aparcadoiro digno máis aló da chaira da área de mercancías, nin moito menos a dun trazado viario subterráneo para garantir que os tráficos que xerará a área intermodal no seu conxunto (tren e autobús) non colapsarán este eixo central da mobilidade en Santiago. Simplemente, intente vostede algo tan simple como convivir con outros pasaxeiros ou acompañantes no edificio terminal de xoguete, intente atopar libre un dos trinta asentos dos que dispón a principal estación de Galicia, intente permanecer na plataforma sen mollarse cando chove ou sen morrerse de frío no inverno. Esta é a non estación do AVE coa que tragou Noriega e que agora Bugallo vai ter complicado cambiar.

Coñece a nosa newsletter con toda a actualidade de Santiago

Creamos para ti unha selección de noticias da cidade e a súa área metropolitana para que as recibas no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
2 votos
Tags
Comentarios

A non estación