Ourense e Pontevedra son as provincias nas que se detecta maior concentración de radón

Joel Gómez SANTIAGO

SANTIAGO

Sandra Alonso

O Laboratorio da USC que mide este gas, a principal causa de cancro de pulmón en non fumadores, incorpora información máis precisa de cada municipio galego

26 jun 2019 . Actualizado ás 19:45 h.

O casco antigo, Cidade Xardín e A Zapateira son as zonas do municipio da Coruña con maior concentración de radón, un gas de orixe natural, detectado sobre todo en chans de zonas graníticas, que se considera a principal causa de cancro de pulmón en persoas non fumadoras.

Esta maior precisión dos espazos de cada municipio é a principal novidade da actualización do Mapa de Radón de Galicia, elaborado polo Laboratorio de Radón de Galicia da USC. Acumula 4.300 medicións na comunidade e, segundo os datos dispoñibles ata o momento as provincias con maior concentración de gas radón son Ourense e Pontevedra, co 22,9 % e o 19,8 % respectivamente, das vivendas medidas nas que se comprobou que superan o nivel de referencia de 300 bequerelios que marca a directiva europea sobre este tema. Na páxina web do Laboratorio, inclúense táboas e mapas de medicións, ademais de información de seccións censales.

Os novos datos superan nun 25 % os ofrecidos no 2016, cando se presentou o Mapa de Radon de Galicia. Esta é a comunidade con máis información sobre este asunto, pois o mapa estatal inclúe apenas 12.000 medicións. Esta mañá presentaron as novidades Alberto Ruano e Xoán Miguel Barros, profesores da universidade compostelá e codirectores do citado Laboratorio; acompañados de Xurxo Hervada e Anxo Gómez, subdirectores xerais de Epidemioloxía e do Programa de Control de de Riscos Ambientais a Xunta, respectivamente.

Alberto Ruano resaltou que se pretende acadar polo menos dúas medicións por cada un dos miles de distritos censales da comunidade. Segundo indicou infórmase xa de 38 municipios galegos, aínda que están finalizados máis de 60. Os que teñen máis información con sección censal ata agora son os de Mos e A Estrada, e séguese avanzando. O municipio de Santiago de Compostela ten unhas 260 medicións e faltan só 20 medicións para finalizalo, precisou. En total, da provincia da Coruña existen 1.794 rexistros en domicilios e 1.412 da de Pontevedra; e se considéranse os concellos, o de Vigo é o que acumula un número maior de medicións con 409. A información máis pormenorizada discrimina mellor zonas de cada municipio, pois o risco difire mesmo entre lugares distantes poucos quilómetros.

Os dous profesores e os dous representantes da Xunta insistiron en que o maior risco para o cancro de pulmón é fumar, polo que debe evitarse o tabaco. Hervada indicou que non tería sentido un cribado específico para detectar en risco do radón, porque os seus resultados serían pouco relevantes. O novo Código Técnico da Edificación e a trasposición da normativa europea incluirán medidas que obrigarán a previr o radón nas vivendas de nova construción; e Anxo Gómez indicou que a normativa autonómica galega xa contempla algunhas axudas específicas para adoptar medidas en vivendas construídas para reducilo.