Ames repetirá tripartito de PSOE, BNG e CP cun goberno de trece concellarías

Emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

cedida

A repartición de áreas podería ser similar ao actual pero con máis departamentos en mans socialistas

14 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Ames terá a partir de mañá un goberno de maioría absoluta formado polas mesmas forzas políticas que agora, pero cunha repartición distinta xa que o PSOE, a lista máis votada o 26M, duplicou o número de actas (pasou de catro a oito) mentres que o BNG aumentou de dous a tres e Contigo Pódese, que nos últimos comicios participou co nome de Contigo Podemos, baixou de tres a dous representantes.

Aínda que a aritmética para pechar un goberno de maioría absoluta permitía aos socialistas pechar un bipartito exclusivamente co BNG, xa que suman once votos nunha corporación de vinte e un representantes, o enfoque da negociación foi, practicamente desde o principio, propiciar a continuidade das mesmas forzas do actual executivo en funcións, máxime tendo en conta que as tres presentas que encabezaron estas listas: José Miñones (PSOE), David Santomil (BNG) e Genma Otero (primeiro por Contigo Pódese e agora con Contigo Podemos), son as mesmas que se presentaron o 26M.

O acordo está pechado e non é descartable que mesmo antes do pleno de investidura que se celebra mañá xa estea listo o organigrama do futuro grupo de goberno, incluída a asignación de áreas de traballo e a decisión do número e o nome das persoas que terán dedicacións exclusivas ou parciais.

Todo apunta a que as persoas que encabezaron as listas repetirán áreas e o PSOE asuma algunha das que tiñan os outros grupos. O peche dun tripartito deixa fóra do executivo a unha soa forza de esquerda, Ames Novo, a agrupación electoral que máis peso perdeu o 26M, xa que caeu de catro concelleiros a un, pasando tamén de ser a terceira forza política á quinta, ao superar só a Cidadáns.

O PP, que fai catro anos foi a lista máis votada por oito votos, é agora a segunda, con seis representantes, dous máis que fai catro anos pero uno menos se se ten en conta que no 2005 o PP participaba dividido e Pacto por Ames, integrado polos edís que se desmarcaron do PP, obtivo tres actas.