Piden a nulidade da rede de alta tensión de Ordes para uso eólico

Emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

FORXÁN

A rede de plataformas ambientais da comarca invita a veciños e entidades a presentar reclamacións contra este proxecto

13 jun 2019 . Actualizado ás 05:05 h.

O proxecto para instalar unha rede de alta tensión eléctrica na comarca de Ordes para canalizar a enerxía que xeren parques eólicos pendentes de autorizar recibiu as primeiras alegacións e provocouse que a rede de plataformas ambientais da comarca ordense invite a veciños e entidades a presentar reclamacións contra este proxecto, que consideran «innecesario, sobredimensionado e contrario ás directrices de ordenación do territorio».

O colectivo lembra que o prazo para formular reclamacións remata o vindeiro martes, día 18. No caso das persoas propietarias de terreos afectados polo paso de cableado áereo ou baixo terra, o período para presentar estas alegacións é distinto, xa que son dez días hábiles a contar desde a data da recepción do escrito que informa da afectación do chan.

A plataforma, ademais de denunciar «a total opacidade do proxecto xa que ningún organismo público nin privado se puxo en contacto coas persoas afectadas para informar, consultar a conveniencia de semellante infraestrutura», considera que a liña proxectada «está totalmente sobredimensionada, pois contempla unha capacidade moi superior á necesaria para evacuar a enerxía eólica dos tres parques que teoricamente se xustifican».

Entre as críticas do colectivo ao proxecto destaca que transcorrería en paralelo a unha xa existente, polo que entenden que a opción de desdobrar a rede e non construír unha nova sería unha opción máis barata e con menos impacto ambiental.

En paralelo a esta plataforma, o BNG ordense organizou charlas informativas dirixidas aos veciños das parroquias afectadas para que coñezan o impacto do proxecto e formulen alegacións se están en contra do proxecto. O Bloque acaba de presentar as súas. Ao argumento de que existe outra liña paralela e que o trazado elixido non é o máis curto, sinala que a comarca está saturada de liñas eléctricas, polo que o impacto ambiental, agrícola, forestal paisaxístico e tamén urbanístico é excesivo, polo que considera que non debe construírse.