O Compos durmiuse como visitante

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO LA VOZ / SANTIAGO

SANTIAGO

sandra alonso

Os malos resultados en campo alleo afastaron ao conxunto de Yago Iglesias do título en Terceira División

10 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A tempada acabou antes do previsto en San Lázaro. O Compos quería seguir polo menos catro semanas máis en activo, pero un filial tombou aos branquiazuis no seu segundo intento consecutivo por cambiar de categoría. O colectivo de Yago Iglesias , clasificado para o play off con varias xornadas de antelación, preparou a conciencia a súa participación na fase de ascenso. O sorteo non favoreceu e outro filial cruzouse no camiño.

O Deportivo Alavés B arruinou as ilusións do compostelanismo, que confiaba no ascenso a pesar de non conseguir o primeiro posto do grupo galego na liga regular. O Alavés B de Iñaki Alonso, un técnico que non fai moito pasouse polo banco da capital galega, deixou k.ou. aos branquiazuis antes do que se agardaba. E, ademais, dun modo cruel.

Co 1-0 da ida e o 0-1 co que incrementaron a renda os vascos, o Compos volveu mostrar unha gran coraxe, como o ano pasado ante o Terrassa, para darlle a volta á tortilla. Conseguiuno o equipo de Yago Iglesias , pero no desconto, no último suspiro, nunha acción mal defendida e ante un equipo que estaba con nove homes sobre o tapete, todo se foi ao lixo. Dez meses de duro e intenso traballo quedaron en nada, nun dicir amén.

Nesta ocasión o Compos afrontou o play off como terceiro de grupo. Non puido ser primeiro como o pasado curso, cedendo unha gran vantaxe. O once da capital galega perdeu as súas opcións de acadar o título cos seus malos resultados como visitante.