Iñaki Alonso: «O Compos é un equipo dinámico, que trata moi ben o balón»

SANTIAGO

Álvaro Ballesteros

O técnico vasco garda bo recordo do seu paso por San Lázaro, a pesar de non rematar o seu segundo ano

23 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Foi Camacho quen dixo que ata que a un non o destitúen a primeira vez non pode dicir que é adestrador. E iso é o que lle pasou a Iñaki Alonso na súa experiencia en San Lázaro.

-Como lembra o seu paso polo Compos?

-Para o meu o recordo de Santiago é inmellorable, salvo o lunar do primeiro cesamento profesional. A nivel deportivo, de institución, directiva... Con todo o mundo foi preto de ano e medio moi bo. Os proxectos non son iguais, os obxectivos non eran iguais, o segundo ano torceuse, houbo un cruzamento de intereses. Loxicamente, o club ten que mirar os seus puntos fortes e eu o meu. Pero o recordo da capital de Galicia é moi bo.

-Agora cambiaron moito as cousas. Non se se o percibe así desde a distancia.

-Si. Aquel ano, con todos os cambios que houbo, desembocou en Terceira. O presidente e a súa xunta teñen experiencia do que é o fútbol semiprofesional ou profesional. Pero non por ser o de agora un proxecto máis modesto economicamente e en Terceira é menos ilusionante. É un reto. É un histórico.

-Que retrato fai do Compos, coa información que puido solicitar?

-Un bo equipo, con moitas variantes, dinámico, que trata moi ben o balón. O que me agardaba. Nos últimos anos o modelo vai por aí e o que se pretendeu estivo bastante claro. Xa é un proxecto maduro, cun adestrador que leva tres tempadas. É o punto máis importante.

-Destacaría a algún xogador?

-A Mon, porque o saquei eu. Chegou a xogar algún intre en Segunda B. Sei que é un dos capitáns. Alégrome moito. Iso fala moi ben do club

-Pero máis aló dese recordo puntual...

-Son xogadores dinámicos, con moita calidade. É un equipo de máxima calidade na categoría, que é o que intuía. Non é cuestión de personalizar. Ten un ramallete moi interesante.

-Cal é o punto débil azul e branco?

-Non sabería dicir. Polo que puiden ver, manexa todas as facetas do xogo e pódese adaptar a distintos sistemas. No seu campo móstrase moito máis seguro e contundente. Por aí van os tiros. Sufriu en campos máis pequenos, de herba artificial. Tanto o Compos como nós acabamos entre os catro primeiros e iso quere dicir que fomos regulares e competimos ben.

-E como é o Alavés B?

-Somos un equipo tamén en crecemento, que non perdeu nos seus últimos dez partidos. Como todos os filiais, irregular, con partidos moi bos, gañando mesmo ao líder, ou empatando ao Sestao no seu campo, e outros nos que encaixas... Un equipo de xogadores novos, con proxección, nun momento en que ás veces hai que corrixir egos e dirixilos cara ao equipo.

-Chegan con algunha baixa?

-Temos un lesionado de longa duración, Álex, que se recupera dun cruzado. Empeza a facer algo de campo. Os dous dianteiros, Iñaki Lejalde e Andrei Lupo, serán dúbida ata ultimísima hora, un por unha dorsalgia e outro por molestias no cuádriceps.