Brúa: «A música queda xenial entre as pedras de San Martiño Pinario»

UXÍA CARREIRA / s. l.

SANTIAGO

C. VILLAVERDE

O grupo de compostelán actúa esta noite no Festival de Folk e Jazz

24 ago 2019 . Actualizado ás 04:55 h.

As rúas da zona vella de Santiago sempre albergaron cultura, e as noites nelas sempre deron lugar a grandes ideas. Un exemplo é o grupo Brúa. As veladas no centro histórico e os encontros no bar A Gramola acabaron creando a banda de folk. «Xuntabámonos para tocar todas as noites e acabamos facendo temas», explica un dos membros, Manuel Carballo.

O grupo actúa hoxe no claustro de San Martiño Pinario ás 21.00 horas, na segunda edición do Festival de Folk e Jazz. Faino cun invitado especial, Xacobe, que os acompañará coa gaita. Formada no 2017, Brúa ten como integrantes a Roi, á guitarra; Xabi, á frauta; María, ao violín; Gumer, á mandolina; e Manuel, co bodhrán, máis unha voz principal e dous coros. O repertorio do grupo englóbase dentro da música folk. Inclúe pezas tradicionais galegas, asturianas ou portuguesas. No concerto de hoxe ofrecerán na súa maioría cancións de música tradicional galega de composición propia, agardando que «haxa sitio para bailar». Noutras ocasións, como nas foliadas, tamén tocan versións doutras bandas. «Seguro que a música queda xenial entre as pedras do claustro», declara Manuel. Os membros da formación beberon de grupos como Milladoiro, Fuxan vos Ventos ou Luar na Lubre, ademais de bandas tradicionais irlandesas, entre outras. Antes de crear Brúa, tocaron en grupos de música tradicional como bandas de gaitas ou clásicas e participaron no conxunto Carricobanda. Inmersos no estilo tradicional inclúen no seu repertorio elementos folk como o bodhrán, un instrumento tradicional irlandés que Manuel toca desde pequeno.

Desde a súa creación, a banda compostelá afirma que investiu a maior parte do seu tempo en ensaiar, aínda que actualmente empezan a dar máis concertos. Este ano estiveron no festival celta e de música tradicional de Galicia por excelencia, o de Ortigueira. Agora preparan un disco que prevén que estea listo para este outono.