A primeira foto

Ignacio Carballo González
Ignacio Carballo A SEMANA POR DIANTE

SANTIAGO

12 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A foto dos candidatos na grella de saída cara ao 26M que revela Sondaxe na enquisa que publica hoxe La Voz perfila unhas tendencias que deixaron enfiladas as xerais do 28 de abril, aínda que con trazos non tan marcados porque aínda que as siglas pesan -agora as do PSOE están a pesar moito- nunhas locais deciden os rostros, os líderes. E nesta inicial enquisa de campaña, con todos os primeiros espadas composteláns en liza, sae reforzado o exalcalde Bugallo mesmo con maiores expectativas das que abriu para el o resultado das xerais. Co vento socialista a favor, o seu alcaldable na capital crécese aínda máis e non terá que preocuparse en absoluto de esconder as siglas do puño e a rosa. A súa irrupción coa posibilidade de chegar a dez concelleiros -o que lle daría o goberno en minoría- susténtase nunha poderosa capacidade de pesca en todos os caladoiros partidarios locais, en especial para recuperar o voto que aos socialistas fuxíuselles no 2015 a Compostela Aberta, pero tamén nos do PP e o BNG. E dinamita o poderío de Martiño Noriega entre o electorado novo, ata agora o máis fiel da marea compostelá. Se a precampaña xa estivo polarizada entre Bugallo e Noriega, agárrense para o que resta ata o 26M, porque o actual alcalde intentará intensificar o seu corpo a corpo con quen pode arrebatarlle o mando, e aínda que xa ha ir días atrás por eses camiños, non saíu precisamente ben parado. Esta foto electoral, que terá moitos matices ao longo dos próximos días, emite reflexos preocupantes para Agustín Hernández, co risco, ademais, de quedar fóra de foco.