Moncho Fernández: «O equipo deprímese un pouco cando non anota»

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

«Hai accións nas que podemos ser mellores», explica o adestrador do Obradoiro

25 abr 2019 . Actualizado ás 14:06 h.

O Obradoiro volveu perder en Sar, onde non gaña desde o derbi ante o Breogán. Leva, xa que logo, case dous meses sen conseguir o triunfo ante a súa parroquia. O colectivo galego, que só gañou un dos seus últimos sete partidos, agarda acabar coa súa crise de resultados na pista do Gipuzkoa. Ante o Fuenlabrada, o Obra deixou escapar de novo unha gran vantaxe, para sucumbir ao final na prórroga. Moncho Fernández insiste en que o seu equipo parece frustrarse un pouco cando non consegue anotar. «O equipo deprímese cando non anota», explica o de Pontepedriña. Quere que o equipo sexa mellor atrás en situacións sinxelas de contraataque. Espera que non se concedan tantos puntos, aínda que recoñece que «outras canastras son de moito mérito do rival, pero hai accións nas que podemos ser mellores».

Este sábado, estará en fronte un rival que vai crecendo semana a semana e que está a se achegar ao milagre da salvación. «O Gipuzkoa aumentou moito as perdas que provoca no rival. Nós debemos intentar de novo mellorar neste aspecto para ter unha boa transición defensiva». O conxunto vasco, pechacancelas coas mesmas vitorias que o Murcia e cunha menos que o Breogán, sumou catro vitorias nas últimas seis xornadas, despois dunha fase de sete derrotas consecutivas.