A Semana Santa trae un aluvión de turistas á cidade

E. Á. SANTIAGO

SANTIAGO

Aparcadoiros completos, terrazas cheas e rúas abarrotadas de viaxeiros e peregrinos

20 abr 2019 . Actualizado ás 20:55 h.

A chegada do anticiclón nos días centrais da Semana Santa encheu as rúas e prazas da cidade de turistas e peregrinos. Tanto, que acaba sendo complicado moverse por algunhas das zonas do centro histórico. Aparcadoiros co cartel de completo, terrazas a rebordar, ou viaxeiros que descansan na praza de San Martín Pinario e aproveitan para atrapar os raios de sol mentres botan unha cabezada.

As estimacións dos hostaleiros prevían unha ocupación durante estas xornadas festivas de case o 90 %, e as expectativas hanse cumprido. A afluencia non é homoxénea durante todo o día, e mentres pola mañá e mesmo ao mediodía é posible atopar mesas baleiras en moitas das terrazas que alagan a zona vella, a partir de media tarde composteláns e visitantes enchen as empedradas rúas de Compostela. Sábeno os comerciantes, que abren en festivo pero aproveitan as horas centrais para pechar e descansar un par de horas, «a partir das 14.30 ou 15 os turistas xa non miran tendas, senón que buscan un sitio no que comer ou tomar algo», explican nun dos establecementos da Calderería. 

Máis aínda á hora das procesións. E é que o Venres Santo é o día no que se concentran máis comitivas. Catro, desde as dez e media da mañá ata as once da noite. Este sábado, con todo, haberá só unha, a dos irmáns, que sairá do colexio da Inmaculada.