«Atallar a violencia filio-parental require traballar con toda a familia»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

NOELIA P. OUBEL

A psicóloga Magdalena Otero impartiu unha charla sobre como mellorar o ambiente no fogar cando hai menores en adopción

19 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Nos últimos anos incrementáronse as situacións de violencia filio-parental, asociadas a transformacións na sociedade, que inflúen na educación, nas relacións familiares e persoais, e na forma de ver o mundo. Para abordalas nas familias de menores en adopción ou acollemento, a asociación Manaia organizou un taller na Casa das Asociacións de Benestar Social de Salgueiriños. Magdalena Otero e Nuria Lago, psicólogas e terapeutas familiares do centro Paradoxo, disertaron en tres sesións sobre factores relacionados con esa violencia filio-parental. «Esta violencia está conectada normalmente coa maneira en que se relaciona e funciona a familia. Por iso, atallar a violencia filio-parental require traballar con toda a familia, para mudar a situación conflitiva», sostén Magdalena Otero. O primeiro que fan neses casos é «analizar os factores familiares e a estrutura familiar, para despois intervir», agrega.

Entre os factores familiares que favorecen a violencia filio-parental, cita condutas de pais que recorren á violencia para chamar a atención ou solucionar conflitos; as relacións simétricas «con pais que abdican dese rol e actúan como colegas, polo que non hai unha figura de autoridade, e cando se necesita non é posible»; a sobreprotección de menores cando padecen unha enfermidade, ou no caso de adopcións para tratar de compensar situacións desfavorables previas «pois esa sobreprotección non deixa que o menor medre desenvolvendo ben a súa autonomía». Inflúen así mesmo as relacións conflitivas da parella, «sobre todo cando un dos fillos se alía cun dos pais, por causa dun distanciamento entre a parella ou outras circunstancias que xeran unha situación de poder para o menor», e tamén «as relacións excesivamente próximas, case de pseudoincesto», refire Magdalena.

Respecto da estrutura, interésalles a organización familiar: «Se é ou non xerárquica e como funciona; a protección da imaxe familiar, pois as situacións de violencia filio-parental normalmente nunca se contan, porque producen vergoña, e só se asumen cando transcenden inevitablemente, como pola presenza dos servizos sanitarios», manifesta.

Magdalena Otero sostén que «a violencia é inxustificable, a conduta violenta é responsabilidade sempre da persoa que a exerce. A violencia ten sentido dentro dunha dinámica, que a explica. Por iso, conseguir explicar esa dinámica permitirá mudar a situación de violencia. Porque se non se muda existe o risco de que se repita».

Para ese cambio valoran se a violencia é tradicional, «onde o menor se rebela contra un pai violento ou onde hai abusos e situacións inxustas que se viven na familia», ou a denominada «nova violencia, relacionada cunha familia permisiva, que quere evitar que o fillo se incomode e así o menor vai collendo privilexios. Iso é pernicioso: o pai ten que saber intervir cando hai unha conduta violenta por parte dun menor, porque senón só se consegue que esa conduta permaneza e que se poida chegar a unha escalada de violencia onde un berra e o outro tamén; e outras situacións non satisfactorias».

Tras analizar a violencia e as súas causas é cando se intervén. Fano «en función do momento, o tipo de violencia e a relación que se establece entre os diferentes membros da familia». A partir dos datos obtidos definen un plan de traballo «con todos os membros», insiste Magdalena, «porque depende se hai ou non irmáns, se é familia monoparental, se existen conflitos graves ou un simple distanciamento entre a parella. E cando hai adopcións ten tamén causas relativas a esa situación», di.