Abril é un dos meses preferidos para os intercambios e expedicións dos centros escolares. Estudantes de Santiago desprázanse a diversos países, en especial Francia, Inglaterra, Alemaña, Italia e Portugal (en ocasións tamén a terras máis afastadas, como Estados Unidos, Rusia ou Australia), para coñecer o seu idioma e a súa cultura. Cando reciben a colegas deses colexios estranxeiros téñenlles organizado un ambicioso programa, que inclúe desde visitas a diversos espazos de interese da cidade e ás institucións, a actividades formativas e lúdicas nos propios centros, excursións a lugares emblemáticos de Galicia, iniciación en Rosalía de Castro e outras figuras culturais e artísticas; e sen esquecer, por suposto, a importancia da convivencia con familias de aquí. Trátase, en definitiva, non só de que pasen por Santiago, senón tamén de que Compostela pase por eses grupos de estudantes visitantes e que aproveiten ao máximo a súa estancia. Son iniciativas valiosas e que nalgúns casos poden resultar marcantes na formación, aínda que transcorran en poucos días. Este ano, un dos desprazamentos máis singulares foi a Costa Rica, onde alumnado e unha docente do Xelmírez I participan nun campus internacional sobre medio ambiente, enfocado ao cambio climático e as súas repercusións. Alí coñecerán realidades moi diverxentes á súa día a día. Estes intercambios e actividades complementarias serven para entrar en contacto ademais con outras experiencias e sistemas de ensino e, aínda que non duren moito tempo, permiten en ocasións corroborar acertos doutros lados que poidan aplicarse para mellorar.