Notre Dame

Emma Araújo A Contraluz

SANTIAGO

17 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Un dos primeiros baños de realidade é darche conta daquilo que non poderás facer xamais. Isto adoita ocorrer cando che dás conta da vida e os anos márcanche camiños que non teñen volta atrás.

Todo se fai máis levadío se tes a posibilidade de viaxar e coñecer outros mundos, porque esta adoita ser unha moi boa forma de rexuvenecer soños e alimentar a alma. Pero incluso podendo gozar deste privilexio hai experiencias que non podes volver repetir. Deambular por Notre Dame, buscar ao chepudo entre os seus máxicos recunchos e gozar de todo a arte que encerran as súas vidreiras é unha experiencia que cada ano gozaban millóns de persoas. Ata onte. A historia está chea das perdas marcadas polo lume. A saber como sería a biblioteca de Alexandría. Si sabemos o que levou o lume no museo do Rio de Janeiro e todos lembramos as bágoas de Monserrat Caballé tras o incendio do Liceo de Barcelona.

A estampa de Notre Dame pasto das chamas só pode atopar alivio se se ten en conta que outras destrucións históricas como a biblioteca de Saraievo e as cidades de Varsovia, Palmira ou Dresde, están manchadas de sangue e de ganas de exterminio de todo o que significa a cultura.

As imaxes dos parisienses e de todos cantos están de visita nunha das cidades máis emblemáticas do mundo devólvennos certo consolo que deriva da unidade ante a desgraza.

Poucas cidades poden gozar dun edificio que resulte tan emblemático para unha cidade. En Santiago si o temos. A pregunta é se estamos ou non á súa altura.