Máis da metade das chamadas ao 061 moven recursos e persoal sanitario

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Os casos graves con máis demanda foron alteracións de conciencia e respiratorias

15 abr 2019 . Actualizado ás 14:19 h.

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu o ano pasado 210.136 chamadas na provincia para solicitar a súa intervención. En 114.647, algo máis da metade, mobilizou un vehículo de transporte sanitario, ademais de persoal. Hai veces en que atende máis dunha chamada para o mesmo caso, por exemplo polo aviso dun accidente de tráfico; ou que debe mobilizar máis dun recurso. Por iso, o total de procesos asistenciais xerados durante o ano 2018 foron en realidade 180.996. En 67.458 casos, as situacións polas que se alertou este servizo resolvéronse directamente, desde a súa central de coordinación, sen necesidade de mobilizar recursos, mediante asesoría directa do seu persoal sobre a situación pola que se chamaba, ou facilitando o contacto entre pacientes e persoal asistencial. En 26.093 procesos asistenciais, que suman máis do 14 % do total, solicitaron a mobilización dalgún recurso persoal de centros de atención primaria do Sergas.

O 061 atendeu na provincia o ano pasado un 1,39 % máis de chamadas que no anterior. O recurso que máis mobilizou foron as ambulancias de soporte vital básico, que se desprazaron en 106.500 ocasións. En 7.842 avisos precisou enviar unha ambulancia de soporte vital avanzado, mellor dotada de medios e persoal. E o helicóptero medicalizado, con base en Santiago, realizou 305 servizos, cunha media de practicamente seis cada semana. 

Patoloxías máis graves

Da casuística atendida o último ano, destacan 25.230 persoas atendidas de patoloxías consideradas máis graves. É unha cifra semellante ás 25.294 do ano anterior. Coinciden ademais os procesos e as cifras son parecidas.

Así, a causa grave que provocou máis consultas foi por alteración de conciencia, en 11.050 casos (10.835 no 2017). Poden deberse á perda de coñecemento por mor dun ictus, un infarto, complicacións de pacientes diabéticos e problemas de saúde semellantes. Son situacións que poden darse no domicilio, no lugar de traballo ou de lecer, ou na rúa. En todos os casos xeran moita alarma na contorna.

Seguíronlle en gravidade as atencións a 6.856 persoas (184 máis que o ano anterior) por problemas respiratorios; 3.101 (301 menos que no 2017) por feridas padecidas en accidentes de tráfico; 2.939 (95 menos que no 2017) por dor torácica e sospeitarse dun problema cardíaco serio; e 1.284 persoas (67 menos que o ano precedente) chamaron o ano pasado por sufrir convulsións.

Máis da metade das chamadas recibíronse desde dez municipios, que coinciden cos de maior poboación. Así, a central do 061 atendeu 62.179 chamadas desde o da Coruña, que destaca sobre o seguinte, Santiago, de onde lle chegaron 21.426 demandas de atención. En terceiro lugar situouse Ferrol, con 13.274, e a continuación Carballo (5.859), Oleiros (5.437), Narón (5.004), Arteixo (4.619), Culleredo (4.508), Ames (4.282) e Ribeira (3.904). Excepto en Ferrol, Carballo e Culleredo, nos outros sete creceu a demanda no 2018 respecto ao 2017.

Un helicóptero e 41 ambulancias, con bases distribuídas en 32 municipios da provincia

O 061 ten bases en 32 municipios da provincia, entre os que distribúe 41 ambulancias asistenciais, 38 delas de soporte vital básico. Están na Coruña (4 deses vehículos de transporte sanitario), Santiago, Ferrol e Carballo, con 2 en cada, e unha en Arteixo, Arzúa, As Pontes, Betanzos, Boiro, Cambre, Cariño, Cedeira, Cee, Cerceda, Curtis, Mazaricos, Melide, Muros, Narón, Negreira, Noia, Oleiros, Ordes, Ortigueira, Padrón, Ponteceso, Pontedeume, Rianxo, Ribeira, Sada, Santa Comba e Vimianzo,

Ademais, conta con dúas ambulancias de soporte vital avanzado na Coruña e outra en Santiago. E un helicóptero medicalizado en Santiago, situado xunto ao hospital médico-cirúrxico de Conxo.

As ambulancias de soporte vital básico dispoñen de dous técnicos. As de soporte vital avanzado desprázanse con catro profesionais: un condutor, técnico auxiliar, e persoal médico e de enfermería, e teñen máis medios. O helicóptero tamén se move con catro persoas a bordo, que son dous pilotos e persoal médico e de enfermería.

As ambulancias de soporte vital avanzado actúan nun radio de ata 30 minutos. Para prestar asistencia en lugares máis afastados acode o helicóptero, que voan desde que sae ata que se pon o sol, excepto con néboa ou climatoloxía adversa.