Enrique Castro: «O peor é ter que comunicar unha morte inesperada»

j. g. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Exerce desde hai 22 anos no 061 e é dos seus profesionais máis veteranos

15 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A urxencia que provoca máis impacto é unha alteración da conciencia «porque as persoas da contorna alármanse ao ver como non poden conectar co familiar, colega de traballo, ou coa persoa que teñen ao lado e sofre o problema, porque está inconsciente, non fala, non reacciona, e iso desconcerta. Se despois de prestarlle atención permanece no mesmo lugar, por exemplo no domicilio, recomendamos que quede alguén pendente da súa evolución e, se empeora, que active de novo ao 061, para volver ou valorar o seu traslado a un hospital, se fose necesario», afirma Enrique Castro. Exerce desde hai 22 anos no 061 e é dos seus profesionais máis veteranos. 

-Como é a demanda das urxencias que lles chegan?

-Hai que diferenciar a demanda máis ordinaria, de pacientes con patoloxías crónicas respiratorias, cardíacas, neurolóxicas, diabetes e outras; e a demanda estacional.

-Como é a estacional?

-Varía coa estación do ano. Na primavera adoita haber máis accidentes forestais e agrícolas, e en breve volverán de novo os problemas de alerxias por picaduras de insectos, como as velutinas. No verán, como veñen máis visitantes de fóra, estamos atentos á patoloxía provocada pola calor ou os ahogamientos. No inverno, as gripes e as complicacións respiratorias.

-Canto tardan en responder?

-O centro coordinador valora cada situación e, se é necesario, mobiliza o recurso que ve máis adecuado. Unha ambulancia medicalizada ten que estar en marcha nun máximo de 3 minutos. Chegar ao lugar indicado depende do tráfico, o habitual é demorar entre 5 e 8 minutos.

-É moi complexa a asistencia?

-Aos médicos alértannos do problema desde a central de coordinación, ou persoal de centros de saúde, e temos acceso á historia clínica da persoa que imos atender. Para casos como un infarto ou un ictus existen protocolos moi específicos.

-Que foi o máis impactante da súa experiencia neste traballo?

-Atender o accidente do Alvia en Angrois, ou o dun microbús con varias deportistas falecidas preto de Lavacolla. No traballo máis ordinario, de cada día, o peor é ter que comunicar unha morte inesperada, por un accidente ou por un problema de saúde repentino.