E Malkovich regresou a Casa Salvador

emilio forján NEGREIRA / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

O actor estivo no restaurante coa súa esposa Nicoletta, Marisa Paredes e Chema Prado

26 mares 2019 . Actualizado ás 23:24 h.

O actor estadounidense John Malkovich quedara prendado das paisaxes naturais do Val de Barcala e a tranquilidade das súas xentes cando, hai vinte e dous anos, visitou por primeira vez Galicia. Foi alá polo ano 1997 cando se aloxou no pazo da Ponte Maceira, grazas á amizade do seu dono con Chema Prado, natural de Rábade e padriño da filla maior de Malkovich. Prado, que foi programador e director da Filmoteca Española durante 27 anos, invitou ao soado intérprete a visitar Galicia ao pouco de coñecelo, na rodaxe en Tánxer da adaptación cinematográfica da novela de Paul Bowles O ceo protector, dirixida polo seu amigo Bernardo Bertolucci.

E este pasado domingo John Malkovich e a súa esposa, Nicoletta Peyran, regresaron á Ponte Maceira e a comer no restaurante Casa Salvador, en Seoane (A Baña), un establecemento con enorme soleira entre os bos comensais pola súa longa traxectoria e a gran tradición do seu bacallau. Fixérono en compaña da súa boa amiga Marisa Paredes e do propio Chema Prado, a cuxo homenaxe e ao do falecido director de cine Bernardo Bertolucci, acudiron Malkovich e Nicoletta, dado que o actor se achaba en Roma rodando escenas da serie The new Pope (O novo papa), na que o actor é a gran fichaxe de HBO e Sky.

Salvador e Merchi, os donos de Casa Salvador, contan que o primeiro que fixo Malkovich nada máis entrar no restaurante foi ir ver a horta e o hórreo. «Cando estivo a primeira vez aquí, no verán de 1997 con Javier Bardem, chamáballes moito a atención ver as galiñas, e acordábase daquela estampa», relata Salvador, que non dubida en cualificar ao actor estadounidense como «unha persoa humildísima, moi entrañable», tanto que non dubidou en fotografarse coa familia Salvador ou as fillas dunha veciña. «Encántalle a tranquilidade do lugar e da xente», exclama.

No menú houbo moito produto autóctono: empanada, croquetas, berberechos de Noia , mexillóns e, por suposto, a especialidade da casa: un bacallau ao forno. Tamén degustaron viños galegos, ademais das sobremesas da casa, «con queixo do país e marmelo, e tortas, e despois el mesmo quixo tomar café de pota». Logo prolongou unha animada charla cos donos, aos que Malkovich lembra. «A miña filla Lucía era moi pequena e sorprendéronlle as fotos de cando era cativa, agora que xa é maior», sinala Salvador, a quen o actor prometeu que volvería outra vez a visitarlles.