A remodelación do transporte metropolitano deixará a Santiago a liña de autobús a Lavacolla

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

A Xunta e os concellos do plan de transporte renovan o convenio ata finais do 2020

12 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A dirección xeral de Mobilidade e os dezaoito municipios que na actualidade están adheridos ao plan de transporte metropolitano de Compostela (Santiago, Ames, Teo, Ordes, Negreira, Padrón, Brión, Boqueixón, Vedra, Val do Dubra, A Baña, Touro, Trazo e Vila de Cruces) acordaron por unanimidade renovar para o ano 2020 o convenio marco polo que se rexe este servizo, que no ano 2018 expediu máis de tres millóns de billetes.

O orzamento estimado para o funcionamento de plan, con importantes descontos nas tarifa que a Xunta financia nun 80 %, roldará os 1,4 millóns de euros Deles, correspóndelle ás arcas autonómicas unha achega de 1,1 millóns de euros, fronte a unha asignación a repartir entre os 18 municipios que rolda os 250.000 euros.

No marco da reorganización deste servizo de transporte, a Dirección Xeral de Mobilidade confirmou onte que se pechou un acordo co Concello de Santiago segundo o cal Raxoi incluirá no seu servizo municipal a liña de viaxeiros entre o centro da cidade co aeroporto de Lavacolla.

Esta medida suporá para as arcas autonómicas un aforro que rolda os 200.000 euros ao ano e permitirá ao Concello de Santiago adaptar horarios e itinerarios á crecente demanda de viaxeiros, moitos deles críticos co funcionamento desta liña, xa que, por exemplo, non permite que os usuarios máis madrugadores poidan utilizar este transporte, porque o primeiro servizo da mañá chega á terminal practicamente á hora fixada para o despegamento do primeiro voo da mañá.

Esta novidade, que transcendeu onte, non formou parte dos asuntos debatidos na comisión de seguimento do plan metropolitano de Santiago, na que o representante compostelán, Jorge Duarte, expuxo á Xunta a necesidade de retomar conversacións entre os concellos con máis usuarios do servizo comarcal para estudar melloras. Esta demanda é compartida polos municipios afectados, Ames, Teo, Brión e Oroso.

A reunión para a prórroga do convenio serviu tamén para que a representación de Val do Dubra reclamase melloras nas marquesiñas do servizo, aínda que desde Mobilidade aludiuse á responsabilidade compartida neste campo entre ambas as administracións.

Teo, pola súa banda, interesouse pola posibilidade de melloras en accesibilidade, xa que moitos buses non están adaptados e os que si teñen ramplas posteriores non están acondicionados para que as persoas con problemas de mobilidade non teñan dificultades para abonar o billete.

1,4 millóns

Bonificacións

A Xunta asume 1,1 millóns e os concellos, o resto.

200.000 €

Liña a Lavacolla

Gasto que a Xunta asume para manter a liña.

18 concellos

Ámbito

A área metropolitana chega ata A Estrada e Cruces