Xenerais, cacheira, feira e filloas

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

O entroido tradicional da Ulla encara a súa recta final, con dúas citas gastronómicas de guinda

28 feb 2019 . Actualizado ás 08:56 h.

Na comarca natural da Ulla cócese un entroido propio. Unha festa rural, da xente das parroquias, tesoureiros dunha tradición que ten máis dun século de historia e declarada de interese turístico galego. Aínda que ten o seu propio rei e raíña, a soberanía nesta celebración téñena os Xenerais e Correos, as figuras máis esperadas e recoñecidas do Entroido da Ulla.

Percorren as súas parroquias ataviados con traxes de corte militar, bicornios e gorretas emplumados na cabeza. Enriba dos seus cabalos, engalanados para a ocasión, dirixen un particular exército que leva a troula alá por onde va. Abandeirados, coros de nenos (o «de bonitos»), de vellos e parrandas seguen os seus pasos e aplauden os vivan que lle dedican á veciñanza. Son tamén os Xenerais e Correos os encargados de enfrontarse por parellas nos atranques ou altos, un combate dialéctico a ceo descuberto e en ton xovial no que saen a relucir os asuntos máis polémicos do ano, xa sexan de índole política, veciñal ou sentimental. É sorna e retranca. A esencia do entroido galego. É copla, gallardía e ruada. O momento de rirse do cotiá, do mundano e o espiritual.

O Entroido da Ulla, presente en cinco concellos da comarca, subiu o pano hai un par de semanas en Santiago, pasando logo por Teo, Silleda e Vila de Cruces. Aínda que encara a súa recta final, queda moito que festexar, dende Vedra ata Boqueixón, pasando por Touro e A Estrada. Catro paradas novas. Quince altos máis por diante, coa peculiaridade de que na comarca virán acompañados de dúas citas gastronómicas moi carnavalescas.

Do porco ao doce máis típico

Este fin de semana os Xenerais chegan a Vedra. Farán aparición na parroquia de Vilanova, que ademais celebra a Festa da Cacheira no campo da festa de Picón. Alí poderá degustarse o carnaval cos cinco sentidos, dende un prato típico destas datas como é o cocido galego (a 20 euros) ata o primeiro atranque do concello ao atardecer.

O martes de entroido será a quenda dos veciños de Touro, onde, como cada día 5, haberá feira, pero os churros e roscas competirán desta vez cos Xenerais pola atención en Fonte Díaz.

No domingo de Piñata haberá altos de novo en Vedra e Boqueixón. En Lestedo porá a guinda a cuarta edición do Gran desfile dos Xenerais do Ulla e a Festa da Filloa, unha cita gastronómica (declarada tamén de interese turístico) que vén acompañando o entroido dende hai máis de 35 anos e na que se serve o doce máis típico da época feito na filloeira, na pedra, só, con mel, envolvendo un chourizo... Un paraíso para os máis larpeiros.