Os universitarios suspenden ao servizo de autobús

Advirten que non se adapta ás súas necesidades, tanto dentro da propia cidade como para desprazarse ás súas casas


Santiago / a voz

Dos 25.000 alumnos matriculados actualmente na USC, unha importante porcentaxe sen carné de conducir ou coche vese obrigado a recorrer ao transporte público para os desprazamentos cotiáns dentro da cidade ou para ir ás súas casas. Pero ¿responde o servizo de autobuses ás súas necesidades? Habitualmente, non. Os universitarios advirten de varios casos nos que resultan insuficientes tanto o número de frecuencias como as liñas dispoñibles, á vez que lamentan os altos prezos de certas conexións interurbanas, por exemplo, coa Mariña lucense.

A comezos de curso, un grupo de alumnos de Xornalismo denunciaba que os días de choiva non podían ir ao campus norte pois a liña 15, que usan habitualmente, vai ao tope da súa capacidade e non pode coller máis pasaxeiros. Sabendo cando xorde este problema, reclamaban un reforzo para eses días puntuais, pero «non se fixo nada», confirman.

Profesores e alumnos de Medicina explican que sería necesaria unha liña que conectase a facultade co CHUS, no que cada día máis de 600 alumnos de diferentes cursos realizan a súa formación práctica. Para algúns, á marxe entre os horarios de clase e no hospital é escaso e resulta complicado chegar a tempo.

Aglomerados desde a estación

Por outra banda, os estudantes galegos que volven os fins de semana ás súas casas, indican que a liña 5 vai «llenísima os domingos a última hora, cando nos xuntamos todas na volta, desde a estación de autobuses ao Ensanche. Polas tardes e ao mediodía vai tamén repleta. Incluso chegou a haber algún problema e ata o condutor, frustrado, emprendeuna algunha vez a berros. Os venres para ir ata a terminal adoita ir o bus a lume de biqueira, aínda que non hai tanto problema», conta un alumno de Matemáticas procedente de Lugo. Leva cinco anos facendo uso do servizo urbano e interurbano, xa que, no seu caso, o tren tampouco é unha solución, porque «a liña entre Santiago e Lugo está case abandonada».

Como nos casos anteriores, considera que a solución é fácil e pasa por pór un autocar de reforzo neses momentos puntuais para evitar aglomeracións.

«Vivo a 17 quilómetros e tiven que mudarme»

Melania Baltasar Otero é de Vedra e explica que as deficiencias no transporte metropolitano obrigárona a mudarse a Santiago. «Decidín virme a vivir á capital e priorizar os estudos», comenta a moza de 21 anos. Estuda cuarto de carreira, no grao de Educación Primaria. «O primeiro ano estiven en Vedra. Tiña a sorte de que a miña nai traballa en Santiago, e podía ir con ela porque me cadrou un bo horario de mañá. Cando empecei cos horarios mixtos xa non había forma de compaxinalos», relata.

«Tiña a opción de coller un ás sete da mañá e outro cara as tres da tarde para vir a Santiago, e volver ás sete e pico da tarde», indica. «O que fai moita xente é pedir que os acheguen ata A Susana e que o leve o urbano P3 ou tirar de Monbus, ou ben saír dende Lestedo co que vén de Ourense», continúa. «Os problemas cos buses é algo que sempre estivo aí. Agora eu teño carné de conducir, por necesidade», comenta Melania, quen repara en que mostra das deficiencias é que «vivindo a 17 quilómetros tiven que mudarme a un piso compartido».

Dentro do plan do bus metropolitano espéranse melloras pedidas por Teo , Ames, Padrón e Vedra que se coñecerán oficialmente neste trimestre.

«É máis rendible ir a Ribadeo en Blablacar»

Clara Maseda cursa o dobre grao de Xornalismo e Comunicación Audiovisual. É o seu segundo ano como alumna da USC. De Ribadeo, explica que «o noso principal problema é que hai un bus pola mañá e outro pola tarde, e tardan en chegar entre tres horas e media e catro dependendo de si pasan só por Lugo ou tamén pola Coruña. É case o dobre que en coche, co que tardas unhas dúas horas en chegar». A estudante da Mariña asegura que «non merece a pena usar no servizo regular. É máis rendible ir en Blablacar. É como imos todos. Nunca utilizamos o bus porque ademais de tardar o dobre custa 18 euros. Nalgún caso, con gastos son 21, mentres que nun coche compartido son 12 sis usamos a aplicación ou entre amigos uns 10».

Clara indica que ás veces o condutor é un universitario, quen se presta a levar ao resto e, de paso, recorta gastos. A alumna de Ciencias da Comunicación comparte piso no centro e repara en que «hai que desprazarse á estación de autobuses si es de fóra. Na liña 5 acumúlase moita xente con maletas, tanto á ida como ávolta . O problema é que non temos moitas opcións para evitalo porque as frecuencias son as que son».

También ~en La Voz

Coñece a nosa newsletter con toda a actualidade de Santiago

Creamos para ti unha selección de noticias da cidade e a súa área metropolitana para que as recibas no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
4 votos
Comentarios

Os universitarios suspenden ao servizo de autobús