A Deputación destina tres millóns de euros para a creación de emprego na provincia

La Voz A Coruña, SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

MERCE ARES

O plan, que ocupou a 921 persoas en dous anos, primará aos colectivos vulnerables

16 feb 2019 . Actualizado ás 05:05 h.

A Deputación da Coruña destinará ao longo deste ano case tres millóns de euros a través do Plan de Emprego Local (PEL) para apoiar aos concellos da provincia a contratar a persoas desempregadas para a prestación de servizos locais básicos. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou onte a nova convocatoria, dirixida aos 82 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes, que terán como data límite para acollerse ata o próximo 15 de marzo.

O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, destacou os bos resultados obtidos ao longo dos últimos anos grazas ao programa PEL-Concellos, «que facilita a inserción laboral de preto de 500 coruñeses cada ano e, ao mesmo tempo, contribúe a mellorar os servizos públicos dos nosos municipios». Cifrou en 921 postos de traballo o impacto do plan no último bienio e avanzou que a edición deste ano aos colectivos con maiores dificultades para atopar emprego como os grandes beneficiados desta edición.

O goberno de González Formoso introduciu como criterio de distribución das axudas o número de persoas desempregadas en cada municipio, fronte á cifra de habitantes que servía de referencia en mandatos anteriores, «de xeito que o reparto é máis equitativo e acorde coas necesidades reais de cada concello», sostén a Deputación.

De acordo con esta fórmula, tomando como base a porcentaxe de parados de cada municipio sobre o total de parados nos 82 concellos con menos de 20.000 habitantes, establécese unha táboa de asignación económica por tramos que vai desde 19.000 a 52.000 euros por concello. Cee, Rianxo, A Laracha, Noia, Betanzos, Fene, Teo, Sada e Boiro recibirán a achega máis alta. Vilasantar é o único que percibirá o mínimo de 19.000 euros.

O resto ingresarán unha axuda de entre 22.000 e 49.000 euros para financiar, ata o 31 de decembro deste ano, salarios e cotizacións á Seguridade Social de persoal contratado para a mellora de servizos municipais básicos. Os operarios terán unha xornada mínima semanal de 25 horas e realizarán labores de recollida e tratamento de residuos, limpeza viaria, mantemento de rede de sumidoiros, iluminación pública, parques e xardíns, melloras no acceso aos núcleos de poboación, pavimentación de camiños ou tarefas en bibliotecas municipais.

As bases da convocatoria, en calquera caso, esixen que se prime aos colectivos máis vulnerables, en particular, ás vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas con discapacidade recoñecida, en risco de exclusión social ou de familias con todos os seus membros en paro, e mulleres en xeral.