O Banco Rías Altas reparte a 31 entidades 270 toneladas do fondo alimentario europeo

Margarita Mosteiro Miguel
marga mosteiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. ADOITAR

A última fase das entregas será en marzo, e únese aos 233.000 quilos de doazóns de particulares e 70.000 de froitas e verduras

16 feb 2019 . Actualizado ás 20:20 h.

A delegación de Santiago do Banco de Alimentos Rías Altas comezará o próximo mes de marzo a repartición da terceira fase do Fondo Europeo de Axuda Alimentaria a persoas desfavorecidas. Nesta última entrega, a delegación de Santiago repartirá 102.000 quilos de comida a 31 entidades de Santiago, Barbanza, Bergantiños e Soneira. A asignación de cantidades realízase en función do número de persoas beneficiadas, e as entidades sociais ou concellos realizan a solicitude de axuda ao Ministerio de Agricultura, que entrega os lotes aos bancos adheridos á Federación Española de Bancos de Alimentos, para a súa posterior repartición. O Concello de Ames, con 15.341 quilos nesta terceira fase, é o que leva máis cantidade, seguida da Sociedade San Vicente de Paúl, que repartirá aos beneficiarios de Santiago 14.658 quilos de alimentos non perecedoiros. En Santiago, tamén recibirán parte do fondo o Albergue de Xoán XXIII, Centro Vieiro, Cociña Económica, Reto á Esperanza, a residencia de San Marcos e Proxecto Home. Na comarca de Santiago, os concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Dodro, Melide, Negreira, O Pino, Oroso, Rois, Santiso, Teo e Touro encargaranse da repartición do fondo entre as familias sen recursos dos seus municipios.

Aos cen mil quilos desta última entrega do fondo europeo do 2018 únense os 70.000 quilos da primeira fase de xuño e 100.000 quilos da segunda de novembro, o que supón un total de 270.000 quilos de alimentos de primeira necesidade, que son rotulados polas empresas ás que lles compra o ministerio.

O Banco Rías Altas, en Santiago, pechará o ano con marca en doazóns de particulares, que só na campaña de Nadal supuxeron a entrada no almacén do Tambre de 93.000 quilos de alimentos. Procedente dos donativos de particulares, supermercados e empresas, este banco repartiu 233.000 quilos de comida no 2018 a unhas dous mil presentas. Estas cantidades entréganse cada 15 días ás entidades que se encargan da súa repartición ás familias. O banco tamén recibiu do Fondo Galego de Garantía Agrario da Xunta de Galicia 70.000 quilos máis de froitas e verduras, que se entregan periodicamente entre as entidades para a súa distribución.