Sanidade

SANTIAGO

14 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A imaxe é recorrente. Cada pouco, abre mesmo os telexornais. Onte mesmo, o informativo de mediodía dunha cadea estatal comezaba unha serie de reportaxes sobre a crise da sanidade pública en España coas imaxes dos corredores das urxencias do Hospital Clínico Universitario de Santiago, ateigadas, onde un facultativo do servizo advertía da gravidade de ter que atender aos enfermos nesas condicións, coma se fose un campamento. Trátase dunha denuncia que non é nova.

Moito antes de que estalase a crise, e de que empezasen os recortes, sucedían cousas similares. O progresivo envellecemento da poboación, cada vez máis maior, e o feito de que moitos arrastren enfermidades crónicas, está a agravar un problema nos hospitais, un problema predicible, dada a evolución demográfica, e ao que os poderes públicos non parecen preparar unha resposta, máis aló do debate sobre os recortes. Xa ocorría isto fai dez, doce e catorce anos, cos maiores enchendo as urxencias.

Outra cousa é o que sucede nos centros de atención primaria, onde a falta de persoal médico conduce a graves desaxustes para atender a demanda cidadá, e ao cansazo xeneralizado dos traballadores, como quedou de manifesto coas súas denuncias. Temos unha gran sanidade pública, sen dúbida, grazas tamén ao incansable esforzo diario dos profesionais que a integran. Pero temos tamén un problema, e a solución pasa por recoñecer a súa existencia e por expor solucións: son necesarios máis recursos humanos, isto é, máis gasto público.

E dicir isto non é falar mal da sanidade pública.