O Xelmírez I forma a máis de 30 estudantes para aprender a mediar en conflitos

Aposta por fomentar as cibermentorías, para educar en saúde dixital e mellorar as relacións en positivo no centro


SANTIAGO / LA VOZ

Máis de 30 estudantes do IES Xelmírez I anotáronse voluntariamente para formarse como mediadores e aprender a intervir en conflitos con colegas. O grupo xurdiu tras ofrecer charlas en todos os grupos de terceiro e cuarto de ESO. Fomentar a mediación é o punto de partida do proxecto europeo Erasmus+ Tric [Tecnoloxías das relacións, información e comunicación]: acoso e ciberacoso, que realizan con centros de Como (Italia) e de Cluj-Napoca (Romanía). O Xelmírez I coordina as actividades este curso e o próximo, e en xaneiro celebraron o primeiro encontro na cidade.

A maioría dese grupo son alumnas: «pensamos que isto está relacionado coa distinta educación emocional coa que tradicionalmente se educa a nenas e nenos, desde os distintos axentes sociais. As nenas están educadas máis no coidado, o que favorece o desenvolvemento da empatía, a escoita, a paciencia e outras cualidades fundamentais nunha boa mediadora; e os nenos son máis orientados para a acción, estimulando así todo o que teña que ver co movemento, a forza ou o risco», sostén a profesora Carmen Sande, coordinadora deste proxecto europeo, con Carmen Moure e Raquel Tarrío, tamén docentes do instituto.

Ao alumnado interesado en mediación ensínanlle como resolver conflitos de forma pacífica. Fórmanlles profesorado do centro e especialistas do exterior. Preténdese que adquiran estratexias e recursos para actuar con colegas, que poidan ademais extrapolar á súa vida persoal.

Cibermentoría

Dese grupo de mediación preténdese que salga un grupo de cibermentoría o próximo curso, que terán como funcións o acompañamento de colegas de cursos inferiores para o bo uso das redes sociais. Farano mediante charlas, intervención en resolución de conflitos, intervención en campañas de sensibilización e prevención, e outras actividades semellantes.

Este trimestre impulsan ademais a actividade Emocionadxs, en primeiro de ESO, impartida por Aixa Permuy, dunha Grupo, para incidir na coeducación, por considerala como base de toda educación emocional igualitaria. A finalidade é formar grupos de iguais en todos os niveis educativos para fomentar a convivencia e a ciberconvicencia positiva no centro, e para todas as situacións, insisten. 

O centro consolidou unha Aula de Convivencia e trata de implicar ademais ás familias

O Xelmírez I consolidou os catro últimos anos unha Aula de Convivencia. Ten pensado como un espazo útil de análise e reflexión para estudantes con comportamento disruptivo. «Con todo, a problemática suscitada arredor dos novos sistemas de comunicación entre adolescentes, que permiten os dispositivos móbiles, motivou para explorarmos novas liñas de actuación, que pasan pola participación activa de toda a comunidade educativa, incluídas as familias, e favorecendo o papel mediador que ten de asumir o alumnado», indican.

No proxecto Erasmus+, compararán situacións de acoso e ciberacoso cos dous centros de Italia e Romanía. Suporá unha continuidade das actividades promovidas os últimos cursos, para poder contar con estruturas de axuda entre iguais, desde primeiro de secundaria ata segundo de bacharelato, afirman. Buscan que o alumnado sexa activo para a convivencia e implíquese na xestión e resolución pacífica de conflitos. «O instituto non debe ser só un lugar de aprendizaxe académica, senón tamén un espazo para a aprendizaxe de habilidades da vida. Agora non funcionan só a autoridade docente e as normas, hai que saber potenciar o respecto entre iguais», indica o director, Manuel Portas.

Con esa orientación, o próximo curso prevén formar alumnado axudante nalgúns niveis da ESO, para que haxa 4 estudantes (2 homes e 2 mulleres) en cada aula que axuden aos seus colegas a resolver dificultades.

«Hai que coñecer ben os riscos e incidir na parte positiva das redes»

O uso xeneralizado de Internet e de dispositivos móbiles por parte do alumnado é unha realidade que o centro debe ter en conta, sosteñen: «Queremos que se vexan as redes como unha oportunidade de aprendizaxe, creación e participación social. Pretendemos educar en saúde dixital, e para iso hai que coñecer ben os riscos, e incidir na parte positiva das redes, que é tamén inmensa. A adolescencia de hoxe en día ten o espazo virtual como un lugar de convivencia e relación, polo que hai que ensinar a estar nel desde o respecto e a empatía virtual», sostén a profesora Carmen Sande.

Os problemas suscitados polos novos sistemas de comunicación entre adolescentes motivou ao centro a explorar novas liñas de actuación, que «pasan pola participación activa de toda a comunidade educativa, incluídas as familias, e favorecendo o papel mediador que ten que asumir o alumnado. É por iso que se van potenciar as cibermentorías, como unha nova figura para a resolución dos conflitos», agrega Carmen Sande.

O Xelmírez I organizou os dous últimos cursos seminarios para formar docentes con esa finalidade, no propio instituto, en colaboración co CAFI (o centro autonómico de formación de profesorado e innovación). Tamén dedicou ao tema as xornadas de renovación pedagóxica Xosé Calviño, en abril do 2018; e contaron con presenza de expertos, o último o valisoletano José María Avilés, o mes pasado.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
2 votos
Comentarios

O Xelmírez I forma a máis de 30 estudantes para aprender a mediar en conflitos