O cuarto acceso da AP-9 abrirá en días sen un plan de tráfico local

Juan María Capeáns Garrido
juan capeáns SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A do Gaiás identifícase como saída ao centro da cidade e conexión ao periférico

12 feb 2019 . Actualizado ás 22:50 h.

De nove carrís a dous. Sobre o mapa, un embude en toda regra ao que, de momento, réstanlle importancia en Fomento, Tráfico e o Concello de Santiago. O cuarto acceso urbano da autoestrada AP-9 abrirase en cuestión de días -esta semana se recepcionan as obras- e aínda que a súa razón de ser é mellorar a conexión coa Cidade da Cultura, a case ninguén se lle escapa que tamén se trata dunha ligazón interesante para chegar ao Multiusos, a barrios como Sar ou Fontiñas e aos bordos sur do Ensanche e do centro histórico.

«Vai entrar un tráfico importante», recoñecía en abril do ano pasado o alcalde compostelán Martiño Noriega, que avogaba por un estudo «polo miúdo» e, se fose necesario, pola reordenación circulatoria dos viarios. A poucos días da súa inauguración, pendente de fixar por parte do ministerio, a mensaxe que transmite o Concello é que non se agardan «grandes problemas» e que estarán «atentos» por se houbese que reforzar a sinalización, segundo o edil Xan Duro.

A sinalización é, precisamente, unha das cuestións que invita a pensar nunha utilización masiva por parte dos usuarios, e sobre todo entre os que coñezan menos a zona, porque Tráfico decidiu indicar este acceso como apropiado para chegar ao centro de Santiago, cousa que non ocorre coas saídas norte e sur (San Lázaro e Milladoiro), que con todo están enchufadas directamente a unha estrada de alta capacidade como o viario SC-20. Os carteis do acceso ao Gaiás tamén destacan a posibilidade de incorporarse ao periférico, aínda que para iso haxa que descender pola avenida Manuel Fraga (limitada a 30 quilómetros por hora), pasar por diante do Multiusos de Sar e a zona deportiva das piscinas, atravesar un túnel baixo as vías do tren -un carril estreito por sentido- e penetrarse nunha zona do barrio residencial de Fontiñas na que hai centros educativos e sociais de uso frecuente.

O acceso desde a autoestrada servirá sin duda para aliviar a circulación nos escasos actos que se celebran ao ano no Gaiás e que supoñen a acumulación de vehículos nun horario concentrado, pero o tapón pode producirse máis abaixo cos habituais partidos do Obradoiro e outros eventos de lecer que se organizan en Sar. «Os días de baloncesto ou actuacións non haberá moita diferenza, porque hoxe xa se enchen os aparcamentos do Gaiás e hai presenza policial para darlle fluidez», refire Duro.

Audasa tampouco ten unha previsión certeira de como se vai comportar o acceso tras a súa apertura, pero a lóxica suxire que restará algo de presión ás conexións máis próximas, a de San Lázaro e a de Ourense.

E o Concello, que é a responsable de canalizar os tráficos locais, tampouco ten solucións sinxelas a man. A rede viaria nos dous barrios máis próximos ten serias limitacións, en especial en Sar, onde hai que sortear o cruzamento coa rúa Diego Bernal e a estreita ponte sobre o río.