A organización da Foliada de Melide recibe un aluvión de apoios nas redes sociais

La Voz MELIDE / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

A renuncia do colectivo a organizar o evento causa pesar, así como indignación co Concello

09 feb 2019 . Actualizado ás 05:05 h.

A chover os apoios. Cóntanse por centos os que de forma pública están a recibir de usuarios das redes sociais a través do perfil que o colectivo ten en Facebook. O comunicado que, á primeira hora da tarde do xoves, compartiron para anunciar que renunciaban a organizar a Foliada de Melide -que, en abril, celebraría o seu décimo quinta edición- correu como a pólvora por Internet. A media tarde de onte, o compartiran directamente desde o perfil da asociación máis de douscentos internautas. A ese balance súmanse as preto de catrocentas persoas que, ata ese momento, reaccionaran ao comunicado no que desde O Castelo explican que renuncian a organizar ese encontro de exaltación da cultura musical galega ao concibir como unha falta de apoio do Concello melidense o silencio que recibiron como resposta ás súas propostas para un mellor desenvolvemento do evento. A maiores, na ligazón en Facebook do perfil Foliada de Melide, que suma máis de 7.000 seguidores, contábanse, ata onte pola tarde, 83 comentarios.

Son mensaxes de respaldo á organización, de crítica ás autoridades municipais, e de recoñecemento e agradecemento a unha asociación polo traballo desempeñado durante 14 anos a favor da divulgación e posta en valor do folklore popular galego. As palabras de apoio chegaron vía Internet dos propios veciños, entre os que a Foliada converteuse nunha das convocatorias festivas máis valoradas. E tamén de asiduos a unha celebración de referencia para grupos de baile e música tradicional de toda Galicia e de rexións como o País Vasco, que acolleron á emigración melidense, que, desde a diáspora, tamén reivindica a cultura musical propia.

Entre os comentarios, hainos que valoran a repercusión do evento na economía local: «Xa hai moitos anos que nos desprazamos varios gaiteiros a gozar participando na FOL. É unha nova moi triste para nós, para Melide e para a cultura popular galega. Por outra banda, teremos que anular as reservas nos hoteis (8 persoas) máis todos os gastos que faciamos en Melide, dende a comida do sábado ata a volta no domingo á tardiña. Unha grande mágoa. Moitas grazas a todos os que loitastes estes anos a prol da cultura galega», di un veciño de Ortigueira.

Lombeirada de Xabier Díaz

Da renuncia da Asociación O Castelo a organizar a Foliada de Melide tamén se fixo eco a través do seu perfil en Facebook a Asociación Galega de Gaiteiros. O colectivo recibiu , así mesmo, unha lombeirada do músico Xabier Díaz, que, no seu perfil en Twitter, divulgou a comunicación da renuncia, acompañándoa da mensaxe: «Moi mala nova para a música tradicional do país, moitos azos á A.C O Castelo».

Desde a asociación de empresarios da comarca de Melide, Asetem, tamén se expresaron en Twitter: «Unha mágoa. Evento beneficioso para toda a vila».E en Facebook fixérono os dous grupos na oposición, BNG e PSdeG, que solicitarán un pleno extraordinario sobre a polémica.