O Compos atravesa a súa segunda fochanca de resultados

SANTIAGO

ALBERTO LÓPEZ

O club azul e branco está atento ao mercado de dianteiros pero asume que será moi difícil reforzar o equipo

22 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Compos atravesa a súa segunda fochanca de resultados esta tempada, aínda que de distinto signo. O anterior remite ao mes de outubro, cando perdeu en casa consecutivamente ante o Bergantiños e o Arousa, empatou en Ferrol e asinou táboas en San Lázaro co UD Ourense. Paradoxalmente, puntuou na Malata no peor deses catro encontros, e mereceu mellor sorte nas tres citas en San Lázaro.

O colectivo de Yago Iglesias pechou 2018 cunha derrota na súa visita ao campo do Somozas e empezou 2019 cedendo outros tres puntos, en San Lázaro fronte ao CF Ourense. Nesta ocasión, deixou peor corpo a imaxe do equipo que o resultado adverso. O domingo, en Lugo, sobrepúxose. Non conseguiu pasar do empate ante a Polvoreira, pero volveu parecerse ao mellor Compos da primeira volta. Levou a iniciativa, adiantouse no marcador, tivo oportunidades para ter ampliado a conta e rematou empatando nunha acción desafortunada, na que Uña mediu mal ao intentar despexar coa cabeza un balón.

Visita ao Céltiga

O Compos intentará reencontrarse coa vitoria este domingo, ás 16.45 horas, na súa visita ao Céltiga. E, máis aló dos resultados, o club segue atento ao mercado de inverno para intentar reforzar a dianteira. Pero asume que as probabilidades son escasas, xa que o gol cotiza caro e o orzamento é escaso.

Salvo sorpresa, a única incorporación será a de Chechu Meneses, un central zurdo que tamén se adapta ás demarcacións de lateral e medio centro. Esta última queda algo máis desprotexida tras a marcha de Álex Ube ao Boiro, pero tanto o propio Meneses como Álvaro Casas poden cubrir esa fronte.

O punto que sumou ante a Polvoreira o domingo ao mediodía, que soubo a pouco á conclusión do encontro, colleu valor á vista dos resultados que completaron a xornada.

Como anticipara Yago Iglesias , a segunda volta promete emocións fortes e as vitorias estanse volvendo cada vez máis caras. Dos once primeiros clasificados, só o UD Ourense conseguiu sumar os tres puntos e fíxoo sufrindo ante o Ribadumia, cun gol a falta de dez minutos e outro no tempo engadido.