El club

SANTIAGO

19 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Een o barrio das Cancelas hai un baixo que ten o enreixado botado e en cuxo toldo negro, en letras grandes e brancas, pode lerse: «Club de Fumadores». Pasei por diante o outro día, e aparquei o meu coche para facerlle unha foto ao exterior do establecemento. Subín a imaxe ás redes sociais, e acompañeina dun pequeno relato. Unha breve narración na que imaxinaba que habería persoas aí dentro, bebendo e conversando, mentres soaba a música a pouco volume. Daquela alguén na beirarrúa encargouse de espertarme do meu breve e fugaz ilusión. «Iso leva xa moito tempo pechado», díxome un veciño na beirarrúa. Ás veces todo cambia demasiado rápido. Ata fai ben pouco, fumábase no traballo, diante dos nenos pequenos, en locais pechados e en medios de transporte, e a todos nos parecía a orde natural das cousas. Respirábase fume en todas partes. Logo pasa o tempo, e coa perspectiva que outorga, desde a distancia, miramos atrás e botámonos as mans á cabeza. O endurecemento das normas foi empurrando os fumadores ao seu exilio particular, e a xuntarse en espazos nos que gozar dos seus costumes. Moitos se haberán ir aburrindo, ou quizais teñan falecido, así que o local das Cancelas móstrase como a pegada indeleble dun tempo que parece afastado, pero que non o é tanto. Os clubs de fumadores aparecen así ante os nosos ollos como as cintas VHS, como os carretes de fotos ou como as máquinas de escribir. E entón parámonos e miramos ese enreixado e ese toldo coma se alguén fóra pola rúa cun radiocasete ao ombro.