A empresa excluída leva ao xulgado a adxudicación do Monte do Gozo

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Costa do Gozo asegura que a súa oferta era a mellor e que foi apartada irregularmente

13 ene 2019 . Actualizado ás 21:51 h.

Directamente ao xulgado sen pasar polo trámite do recurso ante a Xunta de Galicia. Tan claro ve a sociedade Costa do Gozo que é ela e non Benvido Albergues a que presentou a mellor oferta para facerse co contrato para a xestión do Monte do Gozo e que foi excluída irregularmente do concurso, que a principios desta semana presentará recurso contencioso administrativo nos tribunais contra a resolución de Turismo de Galicia que supuxo a adxudicación provisional do complexo á empresa do grupo Carrís Hoteis.

Juan Antonio Hidalgo Aceira, empresario vinculado ao grupo Globalia e accionista de Costa do Gozo, nega os argumentos da mesa de contratación, que o 27 de decembro pasado decidiu, tras recibir o informe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta, excluír a este licitador co argumento de que faltaba un plan económico-financeiro con todo o contido esixido no prego de condicións do concurso. «Para nós foi unha sorpresa absoluta cando o 28 de decembro comunícannos que quedamos excluídos porque nos falta unha documentación que ademais non é valorable para puntuar a oferta», afirma Juan Antonio Hidalgo, e argumenta que, se faltase algún documento, Turismo de Galicia tiña que comunicalo cando se abriu o sobre C, o 30 de outubro.

Hidalgo engade con rotundidade que «nós achegamos o plan económico-financeiro», e pregúntase quen é o responsable de custodiar a documentación presentada ao concurso e como se garante esta custodia.

O empresario de Costa do Gozo asegura que esta sociedade tería sido a adxudicataria porque superaría «por máis de vinte puntos», de non ter sido excluída, á súa competidora do grupo hostaleiro galego Carrís. Entre as fortalezas da proposta de Costa do Gozo figurarían a apertura do complexo durante todo o ano, fronte aos oito meses e medio que propuxo Benvido Albergues, ou a contratación indefinida desde o primeiro momento de todo o persoal de traballadores, achegando ademais ao soldo mensual do persoal cen euros a maiores do establecido por convenio. Na valoración dos distintos apartados do sobre B, que inclúe a execución das obras de mellora e equipamentos, o programa de negocio e melloras ao contrato, a puntuación de ambas as propostas quedou moi igualada, con vantaxe para Benvido por 44,30 fronte a 42,05. Na acta da mesa de contratación que decidiu o 27 de decembro a concesión a Benvido Albergues apúntase unha puntuación total para esta de 94,30, e xa non se cita a de Costa do Gozo ao decidir a súa exclusión. A empresa do grupo Carrís obtivo 20 puntos polo canon anual ofertado (85.000 euros fronte aos 90.000 de Costa do Gozo) e outros 30 pola baixa na cantidade que ten que achegar a SA de Xestión do Plan Xacobeo, que coa súa oferta sería de 1.590.909 euros, mentres coa de Costa do Gozo quedaría en 1.487.603 euros. «A nosa oferta económica é moito mellor», sentenza Hidalgo.

Costa do Gozo S.L., da que é administrador único Juan Antonio Hidalgo Hernández, fillo de Juan Antonio Hidalgo Aceira, está formada tamén pola empresa compostelá Galicatering, da Promotora de Hostalería Galega (propietaria do Hotel Congreso) e Cravo Conxelados, de Caldas de Reis.

Propoñen no complexo unha base de operacións para excursións por toda Galicia

«Temos toda a ilusión do mundo e imos darlle un impulso moi grande ao Monte do Gozo», afirma Juan Antonio Hidalgo Aceira para deixar claro que Costa do Gozo vai dar a batalla ata o final para facer valer os seus dereitos. «Non somos novos neste sector, temos unha gran experiencia», engade. Esta experiencia é, nin máis nin menos, a que vincula a Hidalgo á corporación Globalia que preside o seu irmán Juan José e da que el é accionista e vicepresidente, mentres que o seu fillo, Juan Antonio Hidalgo Hernández, é tamén conselleiro do grupo turístico con sede en Salamanca.

Juan Antonio Hidalgo sinala que o plan de Costa do Gozo para o complexo conta cos amplísimos recursos de Globalia para atraer visitantes a Santiago e para facer do Monte do Gozo a súa base de operacións para excursións por toda Galicia -unha forma de lograr, ademais, que os turistas queden máis tempo-, tanto para persoas aloxadas no centro de acollida como nos hoteis da cidade que queiran contratalas. Para iso, proxectan abrir no Monte do Gozo unha axencia de Falcón Viaxes.