A policía pechará Alfredo Brañas para identificar aos mozos que beben na rúa

Margarita Mosteiro Miguel
Marga mosteiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Os controis da patrulla circulando «non foron efectivos», recoñecéronlle ao presidente da asociación de veciños

13 ene 2019 . Actualizado ás 04:46 h.

O Concello levará a cabo un control estrito das persoas que se concentran na rúa de Alfredo Brañas para facer botellón ou seguir a festa despois de saír da discoteca A Facultade, situada nesa rúa, en resposta á demanda da Asociación de Veciños Raigame, que vén esixindo accións que poñan fin á alteración do descanso dos residentes. Non hai unha data exacta para comezar cos controis, pero todo apunta a que se agardará a que rematen os exames na Universidade, xa que estes días moitos estudantes están recollidos nas súas casas preparando as probas.

A campaña prevista, segundo puido saber La Voz, consistirá en pechar a rúa de Alfredo Brañas entre as rúas de Montero Ríos e República do Salvador, onde se concentra o maior número de mozos. Pediráselles o DNI a todos os que están alí concentrados bebendo na rúa, ouriñando nos portais e facendo un ruído que molesta aos residentes, incluso causando danos nos portais. A identificación non será meramente informativa, senón que os que incumpran as normativas serán sancionados.

Fuentes municipais non entraron nos detalles do dispositivo que se porá en marcha, e só confirmaron que «se está pendente do tema, traballando e procurando a colaboración coa Policía Nacional».

A idea é manter este control durante catro semanas seguidas, co fin de disuadir aos mozos e cortar así unha situación que se escapou ao control policial. O portavoz veciñal indicou que, ante as queixas dos residentes, a asociación demandou a presenza policial, pero «o coche patrulla circulando non foi efectivo», polo que esixiron medidas máis contundentes. Os responsables de Raigame dixeron que nestes controis participarán conxuntamente as policías local e nacional, e, aínda que non se sabe cando se porá en marcha a campaña, estarán atentos, porque «a nosa exixencia é que se faga xa».

Dáse a circunstancia de que estes días a situación está máis tranquila, porque os estudantes universitarios están de exames, pero os veciños temen que a próxima semana volvan repetirse as escenas que se viviron case a diario desde o inicio do curso ata as vacacións de Nadal e durante a pasada noite de Reis, cando se concentrou un numeroso grupo de persoas diante da porta da discoteca e mesmo se produciron pelexas.

Os residentes máis afectados reciben a campaña de control con escepticismo e dúbidas

A medida prevista para intentar frear o botellón e o ruído nocturno en Alfredo Brañas foi recibida con escepticismo por algúns dos veciños afectados. «Teño moitas dúbidas de que isto funcione, e non lles vou a dar nin un voto de confianza. Creo que só é un parche», indicou a residente nun piso situado fronte á discoteca. Os veciños temen que «só sexa unha medida porque veñen as eleccións e séntense prexudicados. Estarán uns días, e volverán ás andadas». Os que sofren, case a diario, as consecuencias do ruído e o botellón lembran que «hai anos que están nesta situación, e só agora, cando os veciños estalan, falan de facer algo. Ver para crer», incide un comerciante.

Os veciños insisten en que non só hai que identificar os infractores senón «tamén sancionar, pór multas, que para iso hai ordenanzas». Os máis directamente afectados consideran que «é necesario que a policía sexa insistente, que non sexa un lavado de cara para uns días».

Unha cuestión que preocupa aos veciños é que o botellón non é un só día á semana, senón desde a noite do mércores á do sábado: «O foco dos problemas é a discoteca que, segundo temos entendido, ten solicitado o permiso para ampliar a súa capacidade; se aumenta, a rúa será un horror». En todo caso, no Concello aseguran que non hai tal solicitude, porque o local xa ten a capacidade máxima de 600 persoas.

Pola súa banda, desde a Asociación de Veciños Raigame agardan que o Concello aplique medidas de control nos próximos días, coincidindo co fin dos exames, e que sexan «realmente efectivas».