As casas ruinosas poderanse expropiar pola metade do seu valor catastral

A Xunta envía ao Parlamento a primeira Lei de Rehabilitación de Galicia


Santiago / La Voz

Galicia xa conta coa súa primeira Lei de Rehabilitación, coa que a Xunta pretende apontoar un dos seus mantras urbanísticos desta lexislatura, que consiste en minimizar a pegada de novas construcións residenciais para darlle prioridade á recuperación de espazos e construcións nas contornas urbanas e rurais. A normativa, que agora inicia os trámites parlamentarios, facilitará os procesos de intervención nos centros históricos e eliminará burocracia para aquelas propiedades que se atopen no ámbito do Camiño de Santiago, salvo aqueles que sexan bens de interese cultural (BIC).

Segundo o presidente Feijoo, que avanzou aspectos do texto tras o Consello da Xunta, a Dirección Xeral de Patrimonio adoita informar duns 13.000 expedientes anuais, dos que só 800 corresponden a BIC. Eses miles de trámites entre unha e outra cifra quedarán exentos agora do filtro autonómico. Estas condicións estenderanse aos núcleos rurais e urbanos con algún tipo de protección, que tamén se verán beneficiados pola concesión de licenzas directas por parte dos concellos, sen necesidade de contar coa autorización autonómica para traballos específicos, como os cambios nas cubertas ou das carpinterías exteriores, fachadas ou todo o que teña que ver co interior do inmoble.

A Lei de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación Urbana -ese é o seu nome completo- recolle a capacidade da Xunta para expropiar vivendas en ruínas en centros históricos. Tras as preceptivas advertencias e en caso de reincidencia, a Administración poderá facerse coa propiedade pola metade do seu valor catastral. «Dicímolo desde o principio», advertiu Feijoo consciente do impacto que pode ter a medida. A futura normativa establece ademais un réxime sancionador específico para penalizar as pintadas en edificacións históricas.

A norma ten incidencia directa en dous ámbitos. Por unha banda, na rehabilitación estrita de edificios, e por outro, na rexeneración urbana. No primeiro caso, pon o foco na recuperación de edificios deteriorados que xa non cumpran os requisitos básicos de funcionalidade, seguridade ou habitabilidade. E segue apostando polas áreas de rehabilitación integral (ARI) como espazos de intervención en inmobles comunitarios, incluíndo a urbanización dos seus espazos públicos. O texto tamén vixía, e dalgún modo facilita, as novas construcións que substitúan a inmobles previamente demolidos.

Menos trabas

Un dos obxectivos xenéricos será, segundo Feijoo, a axilización de trámites, a eliminación de trabas burocráticas e a mellora da coordinación entre administracións para que a parte pública se converta no menor obstáculo posible. E para executar con maior efectividade eses desafíos crearanse as chamadas áreas Rexurbe, que seguirán o modelo impulsado en Vigo para a recuperación do seu centro histórico e que se considerou unha boa vía para responder con axilidade á existencia de propiedades moi deterioradas.

Esas zonas, que se definirán a medida que se desenvolva a Lei, contarán cunha oficina con traballadores que coordinarán as actuacións de rehabilitación e desde a que se xestionarán os fondos destinados a reformas integrais. Pero ademais de diñeiro, tamén contarán con ferramentas xurídicas, xa que se abre a posibilidade de declarar a utilidade pública e a urxente ocupación en casos concretos de edificios nos que sexa recomendable unha intervención inmediata.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
33 votos
Comentarios

As casas ruinosas poderanse expropiar pola metade do seu valor catastral