Bugallo: «A cidadanía é consciente de que Santiago precisa liderado»

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

«Indígnome cando vexo que outras cidades avanzan e Santiago non», afirma o candidato á alcaldía

13 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Xosé Sánchez Bugallo férvelle o sangue e indígnalle a situación que atravesa Santiago, e aí radica -afirmou onte nunha entrevista no programa Voces de Compostela, de Radiovoz- a explicación do seu regreso como candidato socialista á alcaldía en maio do 2019: «Santiago quedou atrás en relación ás outras cidades galegas. Hai oito anos era a referencia en materia de promoción turística, cultural, de política e rehabilitación de vivenda, de urbanismo, incluso en materia de transparencia. Era unha cidade envexada». Na súa opinión, «falta liderado, falta proxecto, é como se a cidade houbera quedado pasmada».

Bugallo asegura que no seu retorno non hai ningún interese persoal, que o decidiu en contra da opinión da súa familia e amigos, e apela á vocación de servizo: «Eu non podía negarme. Vexo a situación da cidade e que fago, quedo de espectador?». Tras o tempo que pasou apartado da política activa, o exalcalde asegura que, nas súas longas camiñadas pola cidade, moita xente achégaselle e dálle ánimos, «incluso moita xente que me di que nunca me votou». Atribúeo a que «a cidadanía é consciente de que Santiago precisa un revulsivo, un proxecto, unha folla de ruta e un liderado; hoxe moita xente pensa que na época na que eu estaba na alcaldía ou cando estaba Xerardo Estévez si o había».

O candidato socialista afirma que o seu distanciamento da política foi unha etapa «enormemente pedagóxica, na que vin unha cidade preciosa, pero tamén unha degradación, vexo unha desatención». Pon como exemplo os problemas de degradación do espazo público, da limpeza, ou que nas súas visitas aos barrios os veciños estanlle exposto os mesmos problemas que no 2011. Tamén, a falta de xestión en infraestruturas: «Vexo a estación do tren de Vigo, totalmente cuberta, e a nosa á intemperie, cando temos o dobre de viaxeiros. Me indigno cando vexo que outras cidades avanzan e Santiago non».

«Hai que preparar Compostela para o Xacobeo 2021, porque non o está»

Bugallo considera que o Concello perdeu moito tempo ante o Xacobeo 2021 e bota en falta grandes proxectos. Nese sentido, presentará aos composteláns o seu programa Santiago 2020-2030, para reactivar a cidade incluíndo as oportunidades que xerará o Xacobeo 2027. «Co 2021 haberá que ir a uña de cabalo, hai que preparar a cidade porque non o está, hai que facer un esforzo ímprobo para que estea en perfecto estado de revista e en condicións de acoller 8 ou 9 millóns de visitantes. Claro que hai que colaborar coa Xunta, pero a cidade ten que liderar o proceso».