O PP reclama ao goberno de CA un plan director para mellorar Guadalupe, Vite e O Romaño

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. ADOITAR

Os populares alertan da deterioración que sofren os tres barrios desde hai anos

12 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O grupo municipal do PP requirirá no próximo pleno ao goberno municipal de Compostela Aberta (CA) que elabore un plan director para a mellora da accesibilidade e os servizos nos barrios de Guadalupe, Vite e O Romaño. Os populares sostén que o goberno local debe precisar «de forma inmediata» as principais actuacións a executar na zona, de forma que sirvan, apuntan os de Agustín Hernández, «de guía e referencia para os traballos que logo desenvolva o novo goberno municipal que saia das eleccións a celebrar o vindeiro maio».

Nese sentido, desde o PP alertan que os tres barrios sofren desde hai anos unha deterioración progresiva «que na actualidade está a acadar as súas cotas máis altas». Ademais de lembrar que ese grupo vén denunciando esas carencias desde hai tempo, os populares puntualizan que están a recoller numerosas queixas por parte dos representantes veciñais. «A situación adquire unha especial relevancia polo contraste que ofrecen moitas destas zonas en relación a outras moi próximas onde desde hai anos se veñen desenvolvendo traballos para a modernización de infraestruturas, con renovación de equipamentos e e servizos», entre as que mencionan os casos da avenida de Castelao e Vista Alegre.

Proxectos licitados no 2015

Así, en canto ás carencias concretas a abordar, o equipo que dirixe Agustín Hernández destaca a urxencia de acometer proxectos que quedaron licitados en maio do 2015, cando tivo lugar a substitución en Raxoi coa entrada do goberno de CA, como unha reforma integral da rúa Blanco Amor, en Vite, e varias actuacións hidráulicas e viarias no Romaño. Sinalan que as queixas solicitadas entre os veciños refírense a iluminación, limpeza, saneamento e problemas de mobilidade e accesibilidade en distintos puntos deses barrios.