A luz do Nadal

Xurxo Melchor
Xurxo Melchor ENTRE LIÑAS

SANTIAGO

12 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Gústanos máis unha lámpada que a un neno un chupachups. Alegran, esa é a verdade. E se algo é o Nadal, é alegría. Se en algo se nota que o goberno de Compostela Aberta ha ir aprendendo nestes anos que leva a cargo de Raxoi é que se tomou moi en serio unha cuestión como a da decoración do Nadal que, sen ningunha dúbida, ao principio parecíalle fútil. Déronse conta de que hai moitos votos en xogo. Porque hai moito sentimento polo medio e cada vez vótase máis co corazón e menos coa cabeza. O primeiro ano suspenderon cunhas luces cutres e instaladas moi tarde, pero a partir de aí fixeron os deberes. No entanto, tampouco se está caracterizando Santiago por ser un alarde de vistosidade lumínica. Non é plan de facerlle a competencia a Vigo e ao desenfreo do seu alcalde, pero si que se bota en falta un pouco máis de entusiasmo. Un chisco máis de cariño á hora de deseñar unha iluminación que, se é potente, ten ademais a capacidade de atraer visitantes e de estimular as vendas. Imos, que aínda que o sentimento relixioso é unha cuestión rotundamente persoal que os dirixentes de Compostela Aberta nin teñen nin queren ter, deberían traballar un pouco máis a súa capacidade para dar o empujoncito que ás veces necesita a economía para ir tirando nestes tempos incertos. Os galegos somos así. Perdoamos case todo aos que mandan. A condición de que non nos chafen eses días nos que recargamos as pilas de alegría para ir tirando o resto do ano. Nadal, Entroido e as festas patronais son case o maior exame ao que se someten os alcaldes. Que o teñan en conta.