O PP anuncia unha batería de medidas para rebaixar os impostos locais

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. ADOITAR

Agustín Hernández aposta pola creación dunha unidade municipal para acompañar aos emprendedores

07 dic 2018 . Actualizado ás 23:00 h.

O PP prepara unha batería de propostas para rebaixar de forma «importante» os impostos locais. Así o anunciou onte o seu candidato e portavoz no Concello, Agustín Hernández, quen tamén aposta pola creación dunha unidade municipal para acompañar aos emprendedores, «imprescindible para a xeración de oportunidades e de emprego en Santiago», di.

O líder popular defende como «realista» a baixada impositiva que con carácter «xeral» presentará ás eleccións. De momento, avanzou que entre as súas intencións está a de beneficiar a rehabilitación de vivendas e as axudas a familias numerosas.

Hernández, que se enfrontará nas urnas contra o actual alcalde, Martiño Noriega (Compostela Aberta), o exregidor Xosé Sánchez Bugallo (PSOE) e a vicepresidenta da Deputación e portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, sostén que o seu equipo «está a dar un exemplo de compromiso e de traballo intenso» para formular un proxecto con «planificación», lonxe do actual goberno, «que só soubo seguir co que xa estaba proxectado» e que «non fixo propostas e afundiu a cidade nun gris permanente, nun deterioro claro que poden observar todos os santiagueses». O portavoz popular destacou tamén, nunha entrevista en TVG, a oportunidade que o Xacobeo do 2021 representará para a cidade.