Carmen Rivero: «Este é un bo ano de doazón de órganos e de transplantes en Santiago»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Xoán A. Soler

O CHUS ten 70 pacientes en espera dun ril e 16 que agardan por un fígado

21 novs 2018 . Actualizado ás 08:41 h.

Este 2018 «é un bo ano en doazón de órganos e transplantes para o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS)», avanza Carmen Rivero, coordinadora de transplantes da área sanitaria. «É importante que se consoliden a doazón en asistolia e de doante vivo de ril. Ademais, os datos de doantes melloran. Só catro familias non autorizaron a extracción de órganos de persoas falecidas que eran aptas para doar. E levamos 24 doantes de órganos no que vai deste ano, cando en todo o 2017 contabilizáronse 23», destaca Rivero.

Desde onte e durante uns días pode verse na entrada principal do Hospital Clínico a exposición itinerante cos traballos premiados no primeiro concurso de carteis para escolares relacionado con este tema. Organizouno a Axencia de Doazón, Órganos e Sangue (ADOS). A mostra difunde mensaxes en positivo, como Ven do-ar, reparte vida ou Acelera o motor da vida, doa; entre outros. No CHUS hai 70 persoas en espera dun ril, a cifra máis alta ata agora, que creceu ao incorporar á lista de espera pacientes da zona de Pontevedra e do Salnés; e 16 máis que necesitan un fígado, a cifra máis baixa. Ademais, estúdase un posible dobre transplante de ril e páncreas nun paciente.

«Este ano no CHUS efectuáronse 50 enxertos de fígado, por 44 en todo o ano 2018; e 31 renais, por 40 o ano pasado. Aínda que a cifra de renais está previsto que aumente. Hoxe [por onte] está previsto realizar dous de riles procedentes dun doante cadáver. E mañá [por hoxe] outro máis de doante vivo. E están comezando os trámites para outro de doante vivo nos próximos días, o que elevaría a cifra a 35», indica a coordinadora do servizo. Se se confirman os 5 transplantes con riles procedentes de doante vivo igualaríase a cantidade do ano pasado, que é a máxima acadada ata agora nun ano en Santiago, detalla Carmen Rivero Velasco.

O protocolo de doazón en asistolia tipo III de Maastricht púxose en marcha o ano pasado no CHUS. «No 2017 tivemos un primeiro doante, pero este ano xa foron tres. Son pacientes que, pola evolución das enfermidades que padecen, xa non teñen opción de curación e, en consenso coa familia, decídese retirarlles as medidas de soporte vital, porque xa non lle benefician. Nese momento prevese que se producirá unha parada cardíaca nun tempo breve. Fálase entón co paciente, se estivese consciente, ou coa súa familia, para propor neses casos a oportunidade de doar. Se consenten, cando se produce a parada cardíaca e certifícase a morte segundo os criterios legais, procédese á doazón».

A idade media das persoas das que proceden os órganos doados foi de 64 anos o ano pasado. «Este ano descende un pouco, ata aproximadamente 62 anos», precisa Rivero. Hai anos, a maioría das doazóns procedían de persoas novas, falecidas tras un accidente de tráfico, pero ese colectivo hase reducido moito. Agora, doantes e receptores son normalmente persoas de idades máis avanzadas, de máis de 60 anos. En ocasións os órganos non son aptos para trasplantar. Ademais, unha parte importante dos órganos que se injertan en Santiago proceden doutros hospitais galegos ou doutras comunidades.

Na inauguración da exposición estiveron onte, ademais, a xerente da área sanitaria, os xefes das unidades de transplante abdominal e de nefrología, a directora da ADOS e a subdirectora de ... Atención ao Doente

Especialista. Carmen Rivero é especialista de coidados intensivos do Hospital Clínico. Desde o 2013 é, ademais, coordinadora de transplantes da área sanitaria.

Exposición. Desde onte e durante uns días pode verse na entrada principal do Hospital Clínico a exposición itinerante de traballos premiados no primeiro concurso de carteis para escolares. Participaron ao redor de 500 estudantes pertencentes a 24 centros galegos.