A Deputación apoia a 109 empresas con 1,1 millóns de euros

caterina devesa A Coruña / LA VOZ

SANTIAGO

TORRECILLA

O organismo provincial aumentará a partida do PEL-Emprende cun millón de euros máis para o 2019

10 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Deputación publicou onte no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a listaxe das 109 empresas e autónomos beneficiarios da línea PEL-Emprende Investimento, enmarcada dentro do Plan de Emprego Local (PEL) e destinada a consolidar e fortalecer o tecido empresarial da provincia.

Con esta medida, o organismo provincial permitirá que 109 entidades de recente creación invistan un total de 1, 1 millón de euros na adquisición de aplicacións informáticas, maquinaria, mobiliario e equipos para procesos de información necesarios para o desenvolvemento dos seus proxectos empresariais. As axudas están destinadas a firmas con menos de cinco anos de antigüidade.

Unha medida moi demandada

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que a iniciativa «contribuirá a consolidar e modernizar o tecido empresarial da provincia, facéndoo máis competitivo e permitindo o desenvolvemento de proxectos emprendedores que empezan de xeito moi modesto, pero que en poucos anos poden chegar a consolidarse e a ser referencia no seu sector». Ademais, Gonzáez indicou que debido ao gran número de solicitudes recibidas para optar ás subvencións, con preto de 1.300 peticións, o organismo provincial inxectará 1 millón de euros máis na próxima convocatoria desta liña de axudas, que pasará a contar cun orzamento de 2,1 millóns co obxectivo de «reforzar o programa e chegar a máis empresas da provincia».

Nesta convocatoria hanse concedido 71 axudas, o 65, 14 % do total, a iniciativas empresariais lideradas por mulleres. Desta forma 683.431, 21 euros serán destinados a compañas nas que o papel feminino é fundamental na súa dirección e xestión. Doutra banda, un 14 % das subvencións irán parar a investimentos no sector do asesoramento empresarial e a consultoría, mentres que o 13 % servirá para sufragar os custos de entidades relacionadas co coidado persoal, a saúde e o benestar, entre os que destacan servizos sociais para persoas con discapacidade e atención sociosanitaria. Para rematar, o 7 % do orzamento das axudas inxectarase no sector da construción.

Das 109 empresas que as recibirán, 76, case o 70 %, teñen a súa sede nalgún dos 40 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Sete son de Bergondo e cinco de Cee e Noia. Por comarcas, o 20, 18 % das solicitudes concedidas son da área de Santiago, cun investimento total de 281.161 euros, séguenlles as da Coruña, con 268.181,57 euros, e as de Ferrol con 135.138,45 euros, o 11,93 %.