Aumentan as voces críticas sobre o novo control de acceso ao Obradoiro

Patricia Calveiro Iglesias
P. calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Comerciantes, arquitectos e referentes do urbanismo considérano pouco acertado

24 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O que pretendía ser unha solución definitiva para frear o acceso de vehículos ao casco antigo compostelán por San Francisco e para reforzar as medidas de seguridade antiterroristas, está a levantar bochas. A actuación, aínda inacabada, non só foi criticada polo presidente da Asociación en Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) en canto ao impacto visual que ten o conxunto de bolardos, sinais, lectores de cartóns e outros elementos nun enclave monumental sensible; tamén a consideran pouco acertada a asociación de comerciantes da zona histórica Compostela Monumental, outros arquitectos e referentes en urbanismo.

Entre eles está o arquitecto e exalcalde compostelán Xerardo Estévez, quen sostén que «hai que repensar este artefacto dende ou punto de vista patrimonial».

O presidente da delegación compostelá do Colexio de Arquitectos de Galicia, Santiago García Suárez, coincide tamén en que é un sistema «extremadamente aparatoso. Chama a atención e é pouco coherente co enclave». É partidario dunha solución máis económica e discreta que impida os percorridos de lado a lado do centro histórico para controlar o acceso rodado. En todo caso, apostila, «se a motivación é evitar un atentado hai que resignarse a esa razón mentres non cambien os tempos».

Menos comprensivo é o presidente de Compostela Monumental, José Manuel Bello : «Evidentemente, a seguridade é moi importante, pero non existe ao 100 %. Vemos un gasto excesivo e non nos consultaron, nin aos comerciantes nin aos veciños, que fomos quen pagamos as pedras da rúa nos anos 40. A nivel estético é unha verdadeira chapuza e hai outras fórmulas máis acordes ao plan especial».

Bello asegura que foi «o maior investimento en cen anos na rúa de San Francisco. O único que se acordou é acoutar a rúa, cando non hai fibra nin presión de auga», á vez que augura problemas nas descargas e servizos urxentes para comercios e veciños. «O tempo demostrará se isto é funcional ou non», conclúe.