Fronte común entre avogados e xuíces para reclamar reforzos e a creación de novos xulgados

La Voz

SANTIAGO

20 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O novo xuíz decano de Santiago, Andrés Lago Louro, herda intactas as reclamacións que fixo durante os catro anos anteriores o maxistrado que deixa o cargo, José Vicente Alvariño. Resúmense na necesidade «urxente» de crear novas salas en Social, Contencioso-Administrativo e Instrución e de dotar á cidade dun xulgado especializado en Familia, xa que agora mesmo non o hai e a sala de Primeira Instancia que adoita despachar estes asuntos tamén ten que atender a outros.

Nesa reclamación ante a Xunta e o Goberno central, Lago Louro contará co apoio inequívoco do Colexio de Avogados de Santiago, cuxo decano, Francisco Rabuñal, mantén desde a súa chegada ao cargo a liña de petición de novos xulgados como unha necesidade básica para paliar atrasos que estima «inadmisibles e impresentables» en asuntos tan cotiáns como divorcios, custodias de fillos, ou reclamacións por despedimentos «onde a espera chega en ocasións aos tres anos», advirte. Todas estas cuestións se dirimen nas salas do Social e en Familia, que son precisamente as xurisdicións máis saturadas en Compostela.

Rabuñal fai especial fincapé en mellorar os asuntos de uso máis habitual polo cidadán. Así, ademais dunha sala específica de Familia pide que se manteña o xulgado mixto actual, así como que se cre un de violencia machista «porque son asuntos moi sensibles», explica.