O téxtil e a pesca, os sectores galegos máis vulnerables ante un «brexit» duro

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SIMON DAWSON | Reuters

O CES publica un informe sobre o grao de exposición da economía de Galicia

18 oct 2018 . Actualizado ás 00:16 h.

Como influirá o brexit na economía galega? A estas alturas é imposible cuantificalo xa que se descoñece se haberá unha separación amigable ou unha ruptura brusca. Pero o Consello Económico e Social publicou un informe, coordinado polo catedrático da Universidade da Coruña, Fernando González Laxe, no que se dá a coñecer o grao de exposición de Galicia a calquera posible escenario. Nel exponse cinco contextos diferentes: o modelo noruegués, suízo, turco, canadense ou o de ruptura sen acordo, e analízanse sobre tres alicerces: teórico, aplicado e avaliando a percepción dos cidadáns, tanto dos galegos que residen na comunidade como dos que están no Reino Unido.

E cales son as conclusións? O grao de exposición da economía galega é cuantitativamente baixo. De feito, é das comunidades españolas con menor exposición. E é que nin Galicia depende moito dos investimentos ou importacións británicas, nin viceversa. Un exemplo, se se analiza o importe de todas as exportacións galegas, as que teñen como destino o Reino Unido supoñen o 6,55 %. Francia, en cambio, achégase ao 19 %. No caso das importacións hai aínda menor dependencia xa que supoñen só o 1,57 % do total, fronte ao 27,5 % do país galo.

Pero dentro deste escaso peso do comercio bilateral entre Galicia e o Reino Unido, hai dous sectores que deben estar máis pendentes do futuro das relacións entre a UE e o Goberno británico. Un é o téxtil, pola importancia das exportacións, e o outro o pesqueiro, polas importacións. No primeiro dos casos, supón case o 38 % do total de exportacións se se suman pezas de vestir de punto e as doutros materiais, xa que a balanza económica as cuantifica en sectores separados. No segundo, a importación de peixes, crustáceos e moluscos supoñen o 28 % do total das realizadas co Reino Unido.

A estes dous sectores súmanse, en termos cualitativos, todas aquelas compañas vinculadas aos servizos en cada unha das fases dos seus procesos, que tamén se verían afectadas.

Que cuantitativamente non haxa unha relación intensa, ademais, non evita que «nas cuestións cualitativas Galicia teña certo grao de sensibilidade», explica o catedrático de Economía. E pon varios exemplos. A pesar de que o sector agrícola non sufriría en exceso da chamada teoría do precipicio -a ruptura sen acordo-, Fernández Laxe menciona varios casos nos que as relacións se complicarían, xa que xurdirían controis ou barreiras técnicas sobre os organismos que controlan a trazabilidade ou salubridade dos alimentos ao non existir a liberdade de circulación.

Todos os convenios e contratos que se efectúan no sector do transporte marítimo acóllense á lexislación británica «polo que se eles están fóra, estariamos dentro da UE pero sometidos a outra lexislación», explica.

Do mesmo xeito podería falarse das relacións laborais, das pensións ou a asistencia sanitaria, que quedarían condicionadas a futuros acordos.

Tratado a tratado

O autor do informe sitúa como o peor escenario unha saída dura da UE, que obrigaría a revisar regulamento a regulamento, tratado a tratado, produto a produto e persoa a persoa. No entanto, a publicación do CES inclúe tamén unha análise DAFO de debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades, é dicir, que ante esta situación haberá que buscar novas fórmulas de cooperación. E neste sentido lembra a importancia de atopar espazos entre aquelas rexións ou sectores contrarios ao brexit, como son Escocia, a contorna do gran Londres ou a poboación máis nova, «tres niveles nos que se pode traballar», apunta González Laxe.

No lado oposto estarían aquelas zonas máis contrarias. E achegáronse datos curiosos dunha investigación que conclúe que os condados nos que tivo máis efectos a crise das vacas tolas son moi remisos a permanecer na UE, así como as zonas costeiras con tradición pesqueira, que consideran que as súas oportunidades económicas mellorarán fóra do paraugas da Unión Europea.