«Ao pertencer a unha entidade tan grande todo son vantaxes para lograr obxectivos»

La Voz

SANTIAGO

R.D.

08 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A integración en Cogami é un punto de apoio importante para as asociacións de pacientes. A de persoas trasplantadas de medula (Asotrame), con sede en Narón, é a última que se integrou. Fundada fai cinco anos, a súa presidenta, Cristina Piñeira, afirma que o seu obxectivo principal é «mellorar a calidade de vida de quen están a pasar por un cancro hematológico e que o superaron, e as súas familias».

-Como funciona Asotrame?

-Organizamos varias actividades na provincia para promocionar o transplante de medula, entre elas unha carreira solidaria que celebramos catro anos. Tamén tivemos actividades en colexios e colaboramos con hospitais.

-Como colaboran con hospitais?

-Entregamos unha axuda de 3.000 euros ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago para que estuden avances en enfermidades oncohematológicas e doamos pedaletas á planta de hematología do Hospital Clínico. Na Coruña dispomos dun piso para apoiar a pacientes e familiares mentres están a tratamento no CHUAC.

-Que supón a integración en Cogami?

-Para nós, ao pertencer a unha entidade tan grande todo son vantaxes. Permítenos aspirar a lograr obxectivos que doutro xeito non nos podiamos expor.

-Destacaría algún obxectivo concreto?

-Acabamos de chegar e estamos estudando as posibilidades que nos ofrecen. Interésannos, por exemplo, a orientación laboral ou que nos axuden na contabilidade, e participar de iniciativas comúns.

-Que iniciativas comúns?

-Por exemplo, promocionar a doazón, tan importante para nós, con outras asociacións, e aproveitar os recursos de Cogami para conseguilo.