Moncho Fernández: «O Obra demostrou un carácter enorme»

LA VOZ SANTIAGO

DEPORTES

LOF

O técnico resaltou a «coraxe, intelixencia e bravura» do seu equipo

05 oct 2018 . Actualizado ás 02:28 h.

Moncho Fernández felicitou ao seu equipo pola exhibición de «coraxe, intelixencia e bravura» que demostrou a partir do comezo do último cuarto, mesmo desde os últimos instantes do terceiro, cando volveu meterse no partido ata conseguir a vitoria final na prórroga por un só punto. Para Moncho, o Obradoiro «demostrou un carácter enorme».

O técnico de Pontepedriña, exultante polo comportamento dos seus xogadores, explicou que o primeiro tempo do encontro tería transcorrido «como no noso mellores soños, todo nos saíu ben, tanto no aspecto defensivo como ofensivo».

Moncho Fernández sinalou que no descanso falou aos seus xogadores do que podía ocorrer na segunda metade pola reacción do rival: «Había que ter moito coidado porque eles ían subir moito a tensión defensiva, e o nivel físico, e había que coidarse moito de non perder balóns». E ocorreu. O técnico recoñeceu ter sido «un pouco agoreiro» e o Gran Canaria púxose por diante. O terceiro cuarto (30-10 no marcador) foi nefasto para o equipo compostelán, pero a partir do seu último tramo o Obra reaccionou tirando de carácter. «Cando o equipo parecía que estaba morto, demostrou un carácter enorme, reflectido, por exemplo, nos tiros libres ao final», afirmou o Alquimista de Pontepedriña. «Fomos capaces de volver ao partido, e iso demostra un carácter enorme», insistiu Moncho Fernández. O encontro entrou nun toma e daca onde as individualidades se impuxeron e, ao final, a balanza inclinouse a favor do Obradoiro.

Pola súa banda, o técnico do Gran Canaria, Salva Maldonado, felicitou ao Obra pola vitoria e destacou o esforzo demostrado polos seus xogadores. Deu especial valor ao nivel de xogo do seu equipo no terceiro cuarto pero lamentou non ter podido manter ese impulso na fase final do encontro.