Sergio Cinza: «A maioría das persoas tratadas de dor crónica non oncolóxica están xubiladas»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

RAQUEL CACABELOS

O Ministerio de Sanidad pon como modelo de boa práctica clínica unha proposta deste médico de atención primaria da área sanitaria de Santiago

30 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A experiencia «A Sergiobordaxe coordinada entre a atención primaria e hospitalaria da dor crónica non oncolóxica», que liderou o médico Cinza na área sanitaria de Santiago, foi recoñecida polo Ministerio de Sanidades como modelo de boa práctica clínica. Xa se aplica nos centros de saúde que dependen da Xerencia do Sergas de Compostela. Outras áreas de saúde galegas evidenciaron interese nesta proposta asistencial, que o Ministerio recomenda de interese para o sistema de saúde estatal, por valorar que «incorpora un valioso enfoque innovador que mellora a calidade asistencial». O 25 de outubro así se salientará en Madrid, nun acto público que ten programado o Ministerio. Sergio afirma que «este traballo foi unha colaboración de éxito coa Unidade da Dor do Hospital Clínico, onde se derivaban doentes desde centros de saúde, e o impacto positivo foi moi alto».

Para esclarecer os resultados, indica que «nos centros de saúde de atención primaria podemos ver entre un 10 e un 15 % de doentes que consultan diversas formas de dor, é unha cifra bastante elevada. Atendemos moitos máis casos de dor crónica non oncolóxica que oncolóxica. Este problema de saúde limita bastante e pode ser motivo de baixa laboral. A maioría das persoas tratadas de dor crónica non oncolóxica están xubiladas».

A principal causa de dor crónica non oncolóxica son cadros artrósicos: «Sobre todo artroses de xeonllo e cadeira; tamén veñen doentes con tendinite crónica, e a máis frecuente é de ombro; ou neuropatía posherpética, e mesmo coxartrose e gonartrose en casos en que non se opta pola intervención cirúrxica. O estudo inicial concluíu que do colectivo de doentes que se diagnosticaron e trataron en atención primaria desa dor crónica, non melloraron un 27 % e precisaron atención na Unidade da Dor do Hospital Clínico. O bo do noso traballo é que utilizamos a e-consulta e iso favoreceu que ese grupo de pacientes se atendesen cunha demora inferior a 21 días, cando previamente partíamos de meses de espera», acrecenta.

Este especialista salienta que a e-consulta, ou consulta electrónica, é unha vantaxe para todas as partes: «Para o hospital, porque reduce as listas de espera; para profesionais de atención primaria, porque nos dá seguridade nas decisións e axiliza o noso traballo; e para doentes, porque lles evita ter que acudir ao hospital, co aforro de tempo e económico que iso supón, alén de contribuír a mellorar antes da patoloxía».

Esa derivación ao hospital era sempre en casos que non melloraban en 6 meses de tratamento en atención primaria. Procuraban así «que se beneficiasen de fármacos máis potentes, mesmo chegar a derivados da morfina de ser necesario, ou que tivesen acceso máis fácil e rápido a outros tratamentos que lles puidesen estar indicados», manifesta.

A maiores de prescribir fármacos adaptados a cada doente, a abordaxe terapéutica da dor crónica non oncolóxica pode incluír tamén tratamento non farmacolóxico, como fisioterapia, terapia ocupacional, intervención psicoeducativa ou incorporación de hábitos saudábeis, entre eles a actividade física, redución de peso e do consumo de alcohol, hixiene de sono e outros.

Da súa experiencia, Sergio Cinza admite que «é moi difícil que se muden os hábitos saudábeis. En moitos casos, con perda de peso e mellora da actividade física diaria xa se nota se non un alivio absoluto, si unha melloría importante da dor. O problema é que as persoas afectadas continúan comendo en exceso e mantendo un exceso de peso ou obesidade; porque como teñen dor, aínda se moven menos e engordan máis, caen así nun círculo vicioso complicado».

Especialista. Sergio Cinza é médico de atención primaria. Exerce non centro de saúde de Porto do Son.

Estudo. As conclusións do estudo que fixo sobre a dor crónica non oncolóxica xa aplícanse na área sanitaria de Santiago. Foron premiadas como boa práctica clínica polo Ministerio de Sanidade.