O mozo localizado inconsciente tras un incendio nun piso evoluciona favorablemente

SANTIAGO

Marga Mosteiro

A segunda noite de movida en Santiago sáldase con 20 pisos desaloxados

21 sep 2018 . Actualizado ás 15:54 h.

Intensa segunda noite de movida en Santiago. A Policía Local tivo que traballar arreo para atender todas as chamadas dos veciños que non puideron conciliar o soño. Ata 20 pisos tiveron que ser desaloxados en toda a coidade, fundamentalmente no Ensanche compostelán. Ás 7 da mañá aínda había numerosos grupos de rapaces, que non parecían dispostos a pór o fin á noite. 

O incidente máis grave produciuse ás 06.00 horas no número 16 da rúa Galeras. Un mozo, I.D.S., de 25 anos, foi localizado inconsciente no medio dun intenso fume tras producirse un incendio no interior do seu piso por mor dunha pota acesa e esquecida. O rapaz, que estaba a durmir só na vivenda -porque os seus compañeiros saíran de festa-, tivo que ser ingresado no Clínico en estado grave ao ter inhalado moito fume. Fuentes do Clínico informaron que o mozo continúa ingresado na Unidade de Coidados Intensivos, e aínda que o seu estado segue sendo grave, evoluciona favorablemente. Os bombeiros informaron que o lume empezou na cociña -estendeuse á campá extractora- e afectou tamén á sala.

O 112 Galicia aclara que tivo coñecemento do suceso pola chamada de veciños e compañeiros. Ata o lugar mobilizou a Urxencias Médicas, que trasladaron ao ferido ata o Hospital Clínico, efectivos da Policía Local e Nacional e aos bombeiros.

Os bombeiros tamén tiveron que acudir esta madrugada, sobre as 3.15 horas, a un incendio forestal ocorrido na Gracia, fronte á nave de Trameve. 

Para rematar, pouco despois das sete producir un accidente na ruela de Conxo, onde un condutor perdeu o control do seu coche e saíuse da vía. Este sinistro saldouse sen danos persoais. 

Incendio onte nun restaurante

Aos lumes do piso de Galeras e da Gracia, súmase outro ocorrido onte, sobre as 21.20 horas, no interior dun restaurante situado na Rúa Rosalía de Castro. Os bombeiros de Santiago resolveron rapidamente o lume debido aos escasos danos rexistrados. Posiblemente foi o quecemento dun punto de luz o motivo que provocou un pequeno lume no illante do falso teito.