O CHUS realiza con éxito o transplante hepático número mil en vinte e catro anos

paula hernández / i.c. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

O paciente, que foi intervido onte, é un home de mediana idade que sufría unha patoloxía tumoral

25 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Os profesionais da Unidade de Transplante Abdominal do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago realizaron con éxito na madrugada de onte o transplante hepático número 1.000. Este transplante chega vinte e catro anos despois da posta en marcha da unidade, o 22 de xullo de 1994, por parte do doutor Evaristo Varo. O cirurxián relata que «este hito débese ao esforzo de todos e cada un dos profesionais do noso centro, ao cal me sinto sumamente orgulloso de pertencer», sentencia que «o sistema de sanidade público é unha xoia».

O paciente trasplantado evoluciona favorablemente. É un home de mediana idade que presentaba unha patoloxía tumoral. Este tamén é o perfil das persoas trasplantadas en Santiago. Na súa maioría son homes, un 70 %, cunha media de idade de 51 anos. As causas máis frecuentes son a cirrosis hepática, de diferentes orixes, seguida dos tumores de fígado e o fallo hepático fulminante. Nestes vinte e catro anos tamén foron intervidos quince nenos. Dos mil transplantes realizados, 959 foros primarios, 40 retrasplantes e só un necesitou unha terceira operación. Ademais rexistráronse 18 transplantes combinados de fígado e ril.

Os índices de supervivencia están por amais da media estatal. Aos 5 anos é superior ao 80 %, un 8 % por amais do rexistro español; aos 10 anos supera o 60 %, un 5 % máis que a media nacional; e aos 20 anos a supervivencia é un 3 % máis alta que o rexistro estatal.

A do CHUS é a única unidade de transplante multidisciplinar que existe en España. «O prestixio da unidade é de todos os servizos implicados, pois sendo un procedemento tan complexo, implica a todo o hospital», destaca a xerente da área sanitaria, Eloína Núñez.

O cirurxián Evaristo Varo estreou a unidade en 1994, e tamén foi o que conseguiu a marca dos mil transplantes, ao realizar a operación de onte. Outro dos logros que conseguiu con esta unidade foi o do primeiro transplante infantil a un neno de 15 anos, tamén en 1994.

Despois destes vinte e catro anos o doutor Varo destaca os avances que houbo, tanto no diagnóstico como no tratamento, e como aumentaron os índices de supervivencia.