Igualdade asina un acordo con CLUN para favorecer á muller no rural

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Xoán Crespo

O convenio inclúe o acceso a formación de alta cualificación dentro do Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres

22 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Mulleres de Seu, o grupo de empoderamiento da muller no medio rural de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), asinou un acordo de colaboración coa secretaría xeral de Igualdade para a posta en valor da súa actividade. O convenio inclúe o acceso a formación de alta cualificación dentro da sétima edición do Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Tamén a difusión, colaboración activa con enfoque de xénero e asesoramento en cuestións de igualdade por parte da Xunta.

O acordo foi subscrito polo presidente de CLUN, José Anxo Blanco , e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e supón un paso máis na colaboración de Mulleres de Seu con este departamento do Goberno galego. Ambas as entidades son conscientes da importancia de promover programas de igualdade, favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nos ámbitos profesionais, así como de dignificar o papel da muller no medio rural e o seu liderado en institucións e organizacións sociais.

Mulleres de Seu naceu ao amparo da Fundación Feiraco no 2013 e será nos próximos anos una das liñas prioritarias nas políticas de responsabilidade social empresarial de CLUN.