Nerea Barros: «Santiago é o lugar onde me atopo de novo cando non me encontro ben»

raquel c. Pérez / s. l. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

ALEXIS REI

A actriz compostelá será a encargada de dar mañá o pregón das Festas do Apóstolo

17 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Para Nerea Barros (Compostela, 1981) foi unha sorpresa absoluta descolgar o teléfono e escoitar ao outro lado ao alcalde da súa cidade natal. Martiño Noriega contactábaa para explicarlle que a actriz fora a escollida para dar o pregón das Festas do Apóstolo 2018. «É unha honra. Díxome que a elección foi unánime e iso emocionoume moitísimo». Leva once anos fora da casa, pero iso non impide que Santiago a acompañe alá onde vai. «É o meu lugar de orixe e onde me atopo de novo cando non me encontro ben».

Este mércores quere transmitir ao público o que para ela é Compostela. «Sendo unha cidade, esteas onde esteas, sentes que é un lugar que che acolle e che abraza. Bótoo en falta. Por traballo viaxo moito e sempre levas esa morriña». As lembranzas da súa adolescencia veñen da man dos sons e dos olores. «Adoro o da primavera e o do verán. Cando as terrazas saen á rúa. A vida diaria, cando sae o sol, é unha festa. Levamos tanto tempo a escuras que cando sae o sol vímonos arriba! Esa enerxía colócame nun lugar moi bonito», confesa.

Das Festas do Apóstolo recorda a música: «No campus sur, en Praterías, na Quintana. Estabas desexando que chegasen eses días dun concerto tras outro. Cando es adolescente é algo que che enche e che nutre. E lle pides des aos pais: ‘Deixádeme un pouco máis’».

Ademais da súa familia e as súas amizades, en Compostela Barros atopou tres piares que a moldearon e a fixeron ser quen é hoxe. Por unha banda, a súa orixe. «Medrei no Eixo, nas aforas. É un lugar marabilloso. Medrei en contacto coa natureza. Pero estudei na Compañía de María e no Rosalía de Castro, na cidade. E en Santiago do campo á cidade tardas moi pouco, hai moitos camiños marabillosos polos que chegar. Boto moito en falta esa natureza dentro da cidade». Por iso cando volve intenta facer algún deses percorridos coa súa nai o algunha amiga, «para gozar e falar da vida».

Destaca tamén Barros a Compostela como «berce da cultura galega». «Os actores, os guionistas, os produtores, moitos nacen e están aquí», incide. A propia concelleira de Cultura, Branca Novoneyra, destacou a etapa teatral da actriz na cidade como un dos motivos da súa elección como pregoeira. «Ela impactoume moito. É unha persoa que sigo dende nova, que diga iso de min é alucinante. O teatro deume a base. A primeira vez que me enfrontei profesionalmente ao público foi na sala Nasa, que abría un oco a novos artistas. Sempre foron un apoio», destaca Barros.

Admite, para finalizar, que a etapa no Hospital Clínico como enfermeira tamén a marcou profundamente. «Cando era nova, meus pais esixiron con cariño unha carreira». Tras licenciarse, especializouse en coidados intensivos. «Alí ves a realidade da vida. A min cambioume, axudoume a entenderme e a valorar moitas cousas. Cando chega a fama entendes que iso é parte do teu traballo, pero que a realidade é outra».

Dirixir e producir

Na actualidade Barros está traballando nun documental sobre tres primatólogas españolas, que dirixirá. «Unha delas é a ferrolá Rebeca Atencia».

Tras tomar o outro lado do obxectivo decatouse das dificultades das mulleres á hora de dirixir. «Eu teño axuda, pero hai directoras moi válidas que teñen que loitar e traballar moito». Para camiñar cara unha maior igualdade ela incide en que fai falta «moito diálogo, non loita. Tanto os homes como moitas mulleres somos machistas. Todos temos que reflexionar».

A súa cabeza non para de bulir. Prepara varias historias, unha delas sobre as mulleres galegas, como súa avoa, que trala guerra «criaron aos seus fillos, levantaron o país. Temos que reivindicar ese xenes en nós, esa forza».

Santiago, un escenario. Rodar na súa cidade A estación violenta, Sol e Lúa ou O Sabor dás Margaridas axudoulle a redescubrila.

Proxectos. Recentemente estreou Morir para contar, que produce xunto ao exreporteiro de guerra Hernán Zin. Con el tamén prepara o documental La barrera de cristal.