O portugués Nuno Costa gaña a media maratón O Gran Camiño

LA VOZ SANTIAGO

DEPORTES

XOAN A. ADOITAR

María Jesús Gestido venceu na categoría feminina con máis de tres minutos de diferenza

08 jul 2018 . Actualizado ás 20:46 h.

O atleta portugués Nuno Costa, do Atletismo Tambre, gañou a media maratón O Gran Camiño con case dous minutos de diferenza sobre o segundo clasificado. Na categoría feminina, María Jesús Gestido venceu con claridade, mentres que Alberto Carou, sexto na xeral, foi o primeiro corredor do Atletismo O Pino en cruzar a meta.

Nuno Costa e Pedro Nimo foron os grandes dominadores da proba desde o primeiro instante. A primeira metade da carreira fixérona case xuntos, cunha gran vixilancia entre ambos. O forte ritmo do portugués acabou coa resistencia do compostelán. Costa gañou cunha gran vantaxe (1.09.31) sobre Nimo (1.11.28). A terceira posición foi para o arzuán Lolo Penas Blanco , que parou o crono en 1.15.31.

Na carreira feminina, María Jesús Gestido, cun tempo de 1.27.15, non deu opción aos seus opoñentes. A gran favorita sacou na liña de meta unha diferenza de tres minutos e medio sobre Tina Fernández (1.30.48). A terceira clasificada, Berta Pan, entrou a máis de sete minutos (1.34.48).

Néstor Campos, na categoría sub 20, foi o atleta máis novo de todos os que participaron no Gran Camiño e José Antonio Gil celebrou o seu aniversario nos 21 quilómetros do percorrido que separan Arzúa de Lameiro de Arca (O Pino). Na clasificación por equipos gañou o Atletismo Tambre, de Oroso, seguido do Sar Petroni e do Atletismo O Pino. O control pechouse unha vez que Lorena Rodríguez e Sonia Mouriz cruzaron a liña de meta como últimas corredores.