«Teño 60 anos, empecei aos 20 a doar e ata que poida vou seguir»

La Voz

SANTIAGO

18 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A semana pasada celebrouse en Santiago o día nacional do doante, que en Galicia tivo unha significación especial ao cumprirse os 25 anos da creación do Centro de Transfusión de Galicia, agora denominado Axencia de Doazón. E alí, no Gaiás, reuníronse os que periodicamente realizan un pequeno pero importantísimo xesto ao doar sangue ou medula, e os que grazas a este acto de solidariedade seguen vivos nun encontro que quixo homenaxealos a todos.

Entre eles Andrés Tembrás, doante de sangue desde os 20 anos, «agora teño 60 e ata que poida vou seguir». Comezou fai catro décadas a facelo grazas a un compañeiro de traballo, «foi o que me animou, probei a primeira vez e encantado de facelo, vin o fin que tiña todo isto e por suposto aquí estou». Desde entón non lembra as veces que acudiu a dar o seu sangue, «moitas, deixo pasar o tempo que tes que agardar e vou». E sobre todo anima ao resto da poboación a seguir os seus pasos, «son dez minutitos que non perdes, de feito os ganas, porque o fin do teu sangue é salvar unha vida ou axudar a unha persoa. E non é nin un esforzo nin doloroso, porque a xente que fai as extraccións son un grupo de profesionais», explica baixo a orgullosa mirada da súa muller.

Grazas a el, e aos miles de galegos como el, Mario Álvarez Rodríguez é unha persoa sa e feliz. Este mozo compostelán necesitou un transplante de medula, que lle doou o seu irmán, pero tamén sangue, «a min salvoume a vida, doar é unha marabilla e é algo ao que talvez non se lle dá demasiado aprecio». Aínda que lamenta que só o 4 % dos galegos doen, «creo que somos un pobo moi cariñoso e iso supera o estigma do medo que poidamos REVISAR ter», explica. «A sensación de que nun hospital non faga falto sangue paréceme incrible», conclúe.