O Compos dá o primeiro paso cara ao ascenso

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO SANTIAGO / LA VOZ

DEPORTES

Almeida foto

Empatou no Helmántico co Salmantino ante seis mil afeccionados locais e máis de cincocentos galegos

17 jun 2018 . Actualizado ás 18:30 h.

O Compostela empatou o partido de ida do playoff de ascenso. O conxunto de Yago Iglesias igualou no Helmántico co Salmantino: 1-1. O Compos adiantouse no marcador por medio de Naveira, pero no segundo tempo o conxunto charro igualou a contenda. Con este marcador, o equipo compostelán dá un paso importante cara ao ascenso a Segunda División B. De todos os xeitos, o técnico branquiazul non se fía deste marcador, sobre todo porque o Salmantino conseguiu pasar as dúas roldas anteriores con dúas vitorias a domicilio, despois de cultivar dous malos resultados como local.

O Compostela tivo claras ocasións para resolver a contenda, pero o Salmantino UDS arrisco máis no segundo período e acadou o empate. O conxunto branquiazul puido regresar á capital galega cun marcador máis sólido. Na recta final, o Compos soubo defender este empate.

O partido de volta disputarase o vindeiro domingo no estadio de San Lázaro. O encontro empezará ás sete da tarde e a directiva branquiazul espera polo menos 5.000 afeccionados nas bancadas. Ao Compos válelle para ascender un empate sen goles.

FICHA TÉCNICA

(1) SALMANTINO: Rodri, Tyson, Coque, Tejedor, Marco, Jehu, Juanan, Garban (Caramelo, min 77), Ortiz (Villalobos, min 81), Amaro (Izazola, min 84) e Murci.

 (1) COMPOSTELA: Lucas, Saro, Naveira, Álvaro Casas, David Uña, Samu, Primo, Diego Rey (Sobrido, min 52), Tomás Abelleira (Mon, min 62), Álex Ares e Rubén.

GOLES:

0-1, min 43: Naveira.

1-1, min 57: Ortiz.

ÁRBITRO: Mora Correas (castelán-manchego). Mostrou cartóns amarelos a Murci e Caramelo, polos locais; e a Naveira, polos visitantes.

INCIDENCIAS: Partido de ida da última eliminatoria de ascenso a Segunda División B, disputado no estadio O Helmántico ante 7.200 espectadores, máis de cincocentos deles chegados desde Santiago.