O Compos contará con máis de 500 afeccionados en Salamanca

N. C. LA VOZ / SANTIAGO

DEPORTES

XOAN A. ADOITAR

Róber Fernández non chegará a tempo oara o primeiro partido

16 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Compostela non estará só no Helmántico de Salamanca. O conxunto que prepara Yago Iglesias contará con máis de cincocentas gargantas na bancada para darlle unha certa cor branquiazul a este decisivo enfrontamento contra o Salmantino. Na tarde de onte, tras o penúltimo adestramento da semana, o Compos completou catro autobuses con afeccionados.

O adestrador compostelanista viaxará con todos os seus efectivos a Salamanca, aínda que existen moitas dúbidas sobre o concurso de Róber Fernández, que se caeu no quecemento do último partido xogado en San Lázaro ante o Terrassa. «Aínda queda o adestramento de mañá e hai que agardar para ver as súas sensacións. O máis coherente sería deixalo para o partido de volta. Pero irá coa expedición, pois é un partido moi especial e teñen que estar todos. É a final e tamén hai que gozar destas situacións».

Sobre o rival, o responsable técnico do Compos sinalou que é un equipo «que nunca lle perde a cara o partido. Non só nas dúas últimas eliminatorias, que remontou na volta a domicilio. O Salmantino sabe levar os partidos ata o último minuto». Yago Iglesias sabe que no Helmántico haberá un gran ambiente a favor dos locais, pero destacou a importancia de contar con máis de cincocentos afeccionados do Compos nas bancadas. «Queremos que a nosa afección estea moi orgullosa deste equipo», subliñou.

Mentres, no Helmántico o ritmo na venda de entradas está a dispararse. O mércores abríronse os despachos de billetes e en menos de tres horas despacháronse máis de 1.000 recibos. Mañá, o conxunto local agarda unha entrada histórica. Na semifinal déronse cita máis de 5.000 afeccionados no estadio blanquinegro.